[27-08-2011] O novo cemiterio municipal, que ainda non foi aberto ao público, atópase nun grave estado de deterioro e foi obxecto de numerosos actos vandálicos. O alumeado está completamente esnaquizado, os vándalos roubaron os cables de cobre dos puntos de luz que se encontran nos espazos verdes e mesmo os dos farois, as arquetas están levantadas, as reixas das zonas da recollida de pluviais están rotas e esparexidas por todo o cemiterio igual que os pivotes de luz, e os xardíns están secos e cheos de malas herbas.
A empresa que se encargou do axardinamento do futuro camposanto remitiulle ao Concello no mes de xuño unha factura por importe de 70.000 euros. O goberno municipal critica que o anterior alcalde non tivera previsión de xestionar o cemiterio unha vez rematado, de aí a lamentable situación na que se atopa a obra. O anterior goberno amiense investiu preto de 2 millóns de euros nunha obra que, se ben é moi necesaria pois a normativa establece que os municipios que contan con máis de 20.000 habitantes deben ter un cemiterio municipal, non foi recibida de xeito regular polo Concello. Ramón G. Argibay non entende como o anterior goberno permitiu a recepción dunha obra sen estar rematada.
O actual goberno busca fórmulas para sacar adiante o cemiterio
O actual goberno local é consciente da urxencia da xestión desta obra antes de que o seu deterioro sexa maior, por iso se están buscando fórmulas para sacar adiante o cemiterio municipal. García Argibay explica que se está estudando a xestión e o mantemento do cemiterio, que asumirá directamente o Concello ou se xestionará mediante unha concesión. O goberno amiense elixirá a mellor fórmula para sacarlle rendibilidade a esta infraestrutura e para que o mantemento da mesma non sexa gravoso para o Concello.
Os datos
O cemiterio municipal de Ames está situado na parroquia de Ortoño, preto do núcleo de Bertamiráns, e a el accédese pola estrada local que une a C-543, dende o acceso a Aldea Nova co lugar de Batáns. O novo camposanto está composto por un recinto que alberga 1.976 nichos en panteóns e 55 nichos subterráneos. Este proxecto foi financiado con cargo ao fondo FEIL, e custou algo máis de 1.720.000 euros. Para esta obra dispúxose dunha superficie de 24.600 metros cadrados na parroquia que Ortoño, dividida en dúas parcelas. Nunha das parcelas está o cemiterio e os aparcadoiros e noutra sitúase unha área de aparcamento para autobuses
Contido relacionado
El Correo Gallego: "El deterioro y los vándalos matan el cementerio de Ames"
La Voz de Galicia: "El cementerio de Ames acumula deficiencias antes de su apertura"
La Voz de Galicia: "El camposanto tiene 2.031 nichos y espacios para tanatorio y aparcamiento"