[10-06-2016] O goberno municipal púxose en contacto coa consellería de Infraestruturas e Vivenda da Xunta de Galicia para solicitarlle que estudasen a posibilidade de pintar dous pasos de peóns en lugares próximos ao Camiño de Santiago – Fisterra e que entre os meses de maio e outubro teñen un gran tránsito de peregrinos. Os pasos de peóns que se solicitan son para o núcleo de Ventosa, na estrada AC-453 Roxos – Portomouro, e outra para o lugar de Augapesada, nas inmediacións da ponte romana, nesta mesma estrada autonómica. Ademais, tamén se lle solicitou a esta mesma consellería a limpeza das cunetas e beirarrúas na estrada AC-453, Roxos Portomouro.
O goberno municipal está traballando para mellorar o camiño de Santiago – Fisterra ao seu paso polo termo municipal de Ames. Para iso, enviáronselle varios escritos á consellería de Infraestruturas e Vivenda da Xunta de Galicia para que estudasen a posibilidade de pintar un paso de peóns no punto quilométrico 1+800 da estrada AC-453, Roxos – Portomouro, no núcleo de Ventosa, á altura da urbanización Pedra Dourada. Tamén se fixo outra petición para pintar outro paso de peóns no punto quilométrico 3+400, correspondente ao lugar de Augapesada, nas inmediacións da ponte romana, nesta mesma estrada autonómica.
Dita petición basease no elevado número de peóns que se desprazan por esta zona, xa que por aí transcorre un dos tramos do Camiño de Santiago -Fisterra. Deste xeito, pasan centos de peregrinos diariamente por este lugar co conseguinte perigo para a seguridade viaria. Ademais, solicitouse a limpeza das cunetas existentes no tramo que vai dende o lugar de Alto do Vento ata o lugar de Ventosa, xa que o goberno municipal recibiu queixas dalgún veciño o que se lle inunda a súa vivenda nos días de choiva.
Sobre estas peticións a Xunta de Galicia informou de que a instalación destes pasos de peóns non é correcta nin segura ao non cumprir coa normativa de aplicación, polo que o consideran inviable. Asemade, informan de que a Axencia Galega de Infraestruturas está en conversas coa DGT para mellorar as zonas de cruzamento de peregrinos nas estradas autonómica. A finalidade desta colaboración é a instalación de sinais de perigo pola proximidade dun lugar de paso habitual de peóns, sinal p-20, con elementos de iluminación que poderán ser activados polos peregrinos ao seu paso polas estradas. Segundo indican esta sinalización é máis específica e axeitada para a peculiaridade destes usuarios. Estes dous puntos nos que os peregrinos atravesan a estrada AC-453 foron propostos á DGT con este fin.
O concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, destaca que a instalación deste pasos de peóns “é moi importante xa que esa é unha zona extremadamente perigosa pola que todos os días pasan centros de peregrinos que fan o Camiño de Santiago – Fisterra, sobre todo entre os meses de maio e outubro, no que se incrementan o tránsito de peregrinos”. "Ademais, un tema tan importante como a seguridade viaria debe de atenderse de maneira rápida e eficaz, para evitar accidentes dos que despois teñamos que lamentarnos", conclúe Blas García.
Por outra banda, dende o Concello de Ames tamén se lle deu traslado á consellería de Infraestruturas e Vivenda das queixas dos veciños/as sobre o estado no que se atopan as cunetas e beirarrúas desta mesma estrada AC-453. O pasado 2 de xuño informaron dende a Xunta que se deu traslado desta petición ao Servizo de Infraestruturas da Coruña, por ser un asunto da súa competencia. "Non entendemos como por parte da Xunta de Galicia se actúa con tan pouca dilixencia á hora de atender estas peticións, xa que a imaxe que se está a trasladar é bastante mala ao ser zonas polas que transitan meilleiros de persoas ao longo do ano", apunta o concelleiro amesán.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "El gobierno local solicita al Ejecutivo autonómico mejoras en varios puntos del Camino"
El Correo Gallego: "Piden más seguridad para la Prolongación de la Ruta en Ventosa y Augapesada"