Pestanas principais

O Concello de Ames solicítalle á Deputación da Coruña un novo prazo voluntario de pago do IVTM 2014 e a anulación das recargas cobradas

Mércores, 03 de setembro de 2014

[03-09-2014] Durante os dous últimos meses o Concello de Ames xa se puxo en contacto en varias ocasións coa Deputación da Coruña, para solicitar información sobre as anomalías detectadas no envío dos recibos de pagamento do imposto sobre vehículos de tracción mecánica (IVTM), recibos que tradicionalmente, os veciños do concello de Ames recibían no seu domicilio. Dende o Goberno municipal solicítase que se estableza un novo prazo voluntario de pago do IVTM 2014 e se proceda á devolución das recargas que se teñen recadado mediante o cobro deste imposto.


Tradicionalmente, os veciños do concello de Ames, cando menos aqueles que non domiciliaban o pago deste imposto, viñan recibindo no seu domicilio un escrito do servizo de recadación, polo que se lles achegaba unha carta de pagamento, que podían presentar na entidade financeira correspondente para facer efectivo o pagamento do imposto sobre vehículos de tracción mecánica. A través desta comunicación tamén se aproveitaba para lembrar os prazos de pagamento en período voluntario, e as consecuencias de non facer efectivo dito pago en tal prazo (recargas, xuros, e un eventual apremio sobre o patrimonio).

Este ano moitos veciños e veciñas de Ames non recibiron estas cartas de pagamento o que provocou un gran desconcerto entre a veciñanza amiense. Debido a iso, moitos amesáns recibiron nos seus domicilios notificacións de recargas sobre o pago do IVTM de 2014.

Por todo iso, dende o Concello de Ames solicítanlle á Deputación da Coruña que debido ás consecuencias que este erro está provocando na veciñanza amiense se estableza un novo prazo de pago voluntario do IVTM, correspondente ao exercicio 2014, e que se proceda á devolución das recargas que se teñen recadado, e que están motivadas pola suspensión dunha práctica tan consolidada como é a de remitir a carta de pagamento aos cidadáns que non tiveron intención de eludir o pago en ningún momento.