[22-11-2016] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, vén de remitirlle hoxe un escrito á Deputación da Coruña no que se lle solicita que se proceda, na maior brevidade posible, ao pintado da estrada DP-0205, ao seu paso pola localidade de Bertamiráns, e máis concretamente pola rúa Alcalde Lorenzo. Ademais, solicitase que mentres non se realicen os traballos de pintado se sinalice de xeito visible a existencia de pasos de peóns, así como a necesidade de darlle preferencia aos mesmos. O Concello de Ames tamén está traballando para adoptar unhas medidas provisionais de sinalización mentres non se executen os traballos que están pendentes.
No mes de setembro a Deputación da Coruña estivo realizando traballos de fresado do asfalto en varias zonas da estrada provincial DP-0205. Posteriormente, a comezos de novembro, procedeuse á mellora do firme desta vía coa aplicación dunha capa de aglomerado, pero non se finalizaron as obras a quedaron pendentes os traballos de pintado en dita vía, e fundamentalmente a sinalización dos pasos e peóns, que teñen un intenso tráfico de persoas e de nenos xa que algúns deles están situados en fronte ás paradas do autobús escolar.
Moitos destes nenos e nenas son alumnos/as do CEIP Agro do Muíño, polo que os seus pais e nais acaban de mostrar o seu molestar ante esta circunstancia e presentaron un escrito esta mañá no rexistro municipal, instando ao organismo provincial a que solucione este problema. Deste xeito, o goberno municipal acaba de enviarlle un escrito a Deputación da Coruña dándolle traslado do malestar destes pais e nais.
O concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, indica que “dende o mes de setembro que se iniciaron as obras en dita estrada a día de hoxe continúan sen rematar, o que está a ocasionar graves problemas de seguridade debido á falta da correspondente sinalización. A maiores a falta de sinalización ocasiona un grave trastorno para os peóns, xa que as zonas destinadas a cruzar están sen pintar o que ocasiona un grave risco sobre todo polas tardes e noites. Ademais, un deses pasos de peóns é a zona de paso dos nenos que acoden diariamente á parada de bus escolar”.
O Concello de Ames tamén está traballando para adoptar unhas medidas provisionais de sinalización mentres non se executen os traballos que están pendentes. O concelleiro de Obras Públicas reuniuse co inspector da Policía Local, para ver as medidas que se poden adoptar neste senso. Asemade, dende a Asociación de Pais e Nais Agro do Muíño tamén están realizando xestións para tratar de que a Deputación remate estes traballos o antes posible.




