Pestanas principais

O Concello de Ames solicítalle a Augas de Galicia a limpeza da ponte Cabrita no río Sar

Sábado, 30 de abril de 2016

[30-04-2016] O goberno municipal vén de enviarlle unha solicitude a Augas de Galicia na que se pide a axuda deste organismo para a limpeza da ponte Cabrita, atravesada polo río Sar e situada no lugar de Costoia, na parroquia de Biduído. Esta actuación está xestionada a través dos departamentos municipais de medio ambiente e patrimonio.

Foi a veciñanza amesá á que deu a voz de alarma ante a acumulación de numerosos troncos de árbores que cobren xa a única arcada que queda en pé desta ponte medieval, destruída por unha riada na década dos anos 1980. O desnivel do río Sar neste tramo, o encaixamento do río e a velocidade coa que flúe a corrente provocou o amoreamento da ramaxe sobre a ponte. Un grupo de técnicos municipais achegáronse o pasado 18 de abril ata este lugar para comprobar o estado no que se atopa a ponte.

O Concello de Ames solicita urxentemente a colaboración de Augas de Galicia para realizar a limpeza da zona e impedir a súa desaparición. A forza da auga e a acumulación dos troncos fan perigar a única estrutura que se conserva da ponte Cabrita, que na actualidade agarda o recoñecemento de protección por parte do departamento de Patrimonio da Xunta de Galicia.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Alertan sobre la acumulación de maleza en Ponte Cabrita, en Ames"
El Correo Gallego: "Piden a Augas la limpieza de ponte Cabrita en el río Sar"