[04-03-2011] O goberno municipal vén de solicitar unha axuda para a contratación de 22 persoas que traballarían en distintos programas postos en marcha polo Concello. Esta solicitude realizóuselle á Consellería de Traballo e Benestar que conta cunha liña de subvencións para o fomento do emprego a través de programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades locais para o fomento do emprego. Así, o Concello aposta polo incremento das políticas activas de emprego destinadas á atención de colectivos específicos con especiais dificultades de inserción laboral. O novo persoal laboral pasaría a traballar en diversos proxectos elaborados polo concello como un programa de intervención social con familias inmigrantes ou un plan de dinamización xuvenil. Tamén se porían en marcha as brigadas de xestión forestal e fluvial e de mantemento, reparación e mellora dos espazos públicos municipais. Para elo, o Concello necesitaría contratar a 22 persoas.
A concellería de Promoción Económica, Emprego, Turismo e Medio Ambiente solicitou unha subvención para contratar 22 traballadores e traballadoras desempregados a través do programa de cooperación posto en marcha pola Consellería de Traballo e Benestar. Este programa ten por obxecto a realización de obras ou servizos de interese xeral e social. Ao mesmo tempo tamén se pretende fomentar o emprego en sectores que están a sufrir unha caída neste eido debido á actual situación de crise que se está atravesando.
Debido a esta situación económica, as Administracións locais deben por en marcha diferentes mecanismos para promover a creación de emprego, dinamizando a curto prazo a actividade económica, asumindo a contratación de traballadores e a mobilización de recursos humanos e económicos, coa intención de proporcionar a experiencia e a práctica profesional, a traballadores e traballadoras desempregadas e deste xeito facilitar a súa inserción no mercado laboral.
Dende o Concello de Ames estase facendo un esforzo para impulsar a inserción laboral de colectivos con especiais dificultades como poden ser as mulleres, a mocidade desempregada e os parados de longa duración. A través deste programa tamén se presta unha especial atención a todos aqueles colectivos de discapacitados, inmigrantes e, en xeral, colectivos en risco de exclusión social.
Programas municipais
Así, o concello aprobou diversos programas e proxectos destinados á realización de traballos de intervención social con familias inmigrantes, de dinamización xuvenil, de xestión dos espazos forestais e fluviais do concello e de intervención social. Outros programas abordan o mantemento, reparación e mellora dos espazos públicos municipais, a recuperación de espazos patrimoniais do municipio e a posta en marcha dun sistema de información dos usuarios dos servizos socias.
A Concellaría de Benestar Social e Igualdade solicita un psicólogo/a e un traballador/ social para desenvolver o proxecto "INTEGRATE", de intervención no colectivo de migrantes, un traballador/a social para o programa de intervención social e outro traballador/a social para manter o sistema de información dos usuarios de servizos sociais (SIUSS).
Dende a concellaría de Promoción Económica, Turismo e Medio Ambiente preténdese seguir contando cunha brigada que traballe na protección das marxes fluviais e do espazo forestal. Para iso solicitouse a contratación de 7 persoas (un enxeñeiro forestal, un encargado e 5 peóns), que realizarían estas labores por un período de 8 meses. Durante o ano pasado un grupo de cinco persoas encargáronse de realizar rozas nas pistas forestais da rede de vías e camiños de titularidade municipal e de limpar parcelas como medida preventiva contra os incendios forestais. Esta brigada tamén levou a cabo actuacións nas marxes do río, labores de acondicionamento do viveiro municipal e de mantemento do monte escolar.
Mantemento da rede viaria rural
Outro dos proxectos enmarcados dentro desta solicitude é o da brigada de mantemento da rede viaria rural e dos espazos públicos de Ames. A través deste proxecto a Concellaría de Obras e Servizos Básicos pretende realizar tarefas de limpeza, roce e mantemento das pistas forestais e vías municipais do concello, necesaria para manter no mellor estado posible a elevada quilometraxe de pistas existentes no municipio. Para esta brigada solicitouse a contratación de 7 traballadores (1 peón de carpintería, 2 peóns de albanelería, 1 peón de pintura, 1 oficial de carpintería, 1 de albanelería e 1 de pintura), que desenvolverían os seus traballos durante 9 meses.
A reforma e o acondicionamento dos diferentes espazos patrimoniais centran outro dos proxectos. As accións que se inclúen son a recuperación e o acondicionamento das fontes, lavadoiros, presas e espazos de lecer existentes, sobre todo, na zona do rural do concello así como dos seus contornos. Para iso dende a Concellaría de Cultura, Deportes e Patrimonio Histórico, considerase que é preciso contratar tres persoas, un albanel, un peón e un oficial carpinteiro, por un período de 7 meses.
A mocidade tamén recibirá un impulso a través destes programas, algo moi importante nun concello como Ames, que conta cunha grande porcentaxe de poboación nova. A iniciativa cumpre unha dobre función: evitar que se formen bolsas de marxinalidade e a participación activa da xuventude na vida social e cultural do concello. A Concellaría de Mocidade pretende desenvolver o programa socio educativo de inserción xuvenil. Para iso necesita contratar un/ha técnico/a de animación sociocultural.
Deste xeito o Concello de Ames lograría, por unha banda, incrementar o número de persoas empregadas e realizar unha clara aposta polas políticas efectivas de emprego, e por outra, garantir aos cidadáns unha serie de servizos municipais -mantemento e mellora dos espazos públicos, mellora dos servizos socias de dos seus programas de información, etc- de vital importancia para manter a calidade de vida de toda a veciñanza amiense.
A nova noutros medios dixitais:





