[07-04-2016] O Concello de Ames acaba de solicitar unha subvención ao abeiro da convocatoria de axudas convocadas pola Axencia de Turismo de Galicia, para realizar actuacións de mellora de accesibilidade e adaptación nas instalacións da praia fluvial de Tapia. O importe da axuda solicitada ascende a contía de 36.391,49 euros. O goberno municipal comprométese a financiar o importe desta actuación, que non resulte subvencionado ao abeiro desta convocatoria, ata o importe total das obras previstas. O proxecto foi elaborado polo persoal dos departamentos municipais de Turismo e Obras.
A Axencia de Turismo de Galicia vén de convocar unha liña de subvencións dirixida aos concellos para o apoio aos investimentos para uso público en infraestrutura recreativa, información turística e infraestrutura turística a pequena escala, mediante o fomento da accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos no medio rural, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020.
O Concello de Ames decidiu acollerse a esta liña de axudas e presentar un proxecto para mellorar a accesibilidade e adaptar os aseos públicos e outras instalacións da praia fluvial de Tapia. Na proposta de actuación recóllese a idea de habilitar dúas prazas de aparcamento adaptadas ás persoas con mobilidade reducida próximas á entrada principal. Estas prazas de estacionamento terán unhas dimensións de 5,00x3,50 metros e contarán coa correspondente sinalización horizontal e vertical. Executaranse sobre unha superficie pavimentada con adoquíns.
O proxecto presentado a esta subvención tamén recolle a execución dun acceso pavimentado en formigón impreso con textura de adoquín, cunha lonxitude de 55 metros, un ancho de 2 metros e un groso de 15 centímetros con maiazo de aceiro para evitar fisuras. Ademais, para mellorar a accesibilidade, proponse a execución dun vao peonil que consistiría na eliminación dun tramo de adoquíns de 1,20 metros de lonxitude e a posterior execución dunha rampla de formigón que facilite o tránsito entre as prazas de estacionamento adaptadas, a cantina e a piscina.
Así mesmo, proponse adaptar o mostrador da cantina, de xeito que teña un tramo de 1,50 metros de ancho, cunha altura de 85 centímetros, sen obstáculos e cunha altura na súa parte inferior de 0,70 centímetros para poder atender a persoas en cadeiras de rodas ou de baixa estatura.
Espazos hixiénico-sanitarios
Por outra banda, vaise actuar sobre os aseos e vestiarios existentes. No módulo onde están situados os aseos e vestiarios femininos, preténdese executar unha ducha e un vestiario independentes e accesibles para ambos sexos, e no módulo onde están os aseos e vestiarios masculinos vaise a realizar un aseo adaptado para homes e mulleres con acceso independente.
Tamén se vai actuar nos espazos de uso común coa colocación de novo mobiliario urbano accesible. Deste xeito, proponse a colocación de dous bancos adaptados (un nas inmediacións da bibliopiscina e outro no entorno da piscina infantil). Ademais, no proxecto contémplase a creación dunha zona de merendeiro con dous bancos e unha mesa nas inmediacións das prazas de aparcamento accesibles. Así mesmo, instalarase unha fonte accesible. Por último, proponse substituír a porta de entrada da piscina infantil por outra de maior anchura e a compra dunha cadeira de inmersión na piscina.
O concelleiro de Obras, Blas García, e a concelleira de Turismo, Isabel González, coinciden en sinalar que “é necesario mellorar as instalacións do noso concello para que sexan accesible para as persoas con diversidade funcional. Estamos traballando para facer un concello máis accesible e con ese obxectivo concorremos a esta liña de axudas convocadas pola Axencia de Turismo de Galicia”.





