Pestanas principais

O Concello de Ames solicita unha subvención para introducir novos equipamentos na Casa da Cultura de Bertamiráns

Martes, 17 de xullo de 2012

[17-07-2012] O Concello de Ames vén de solicitar á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria unha subvención para a mellora do equipamento da Casa da Cultura de Bertamiráns. Os equipamentos solicitados, que contan cun orzamento estimado de 15.000 euros, do que a subvención cubriría o 75%, permitirían mellorar o sistema de detección e prevención de incendios da Casa da Cultura, instalar unha nova rede wifi e mellorar as condicións das cortinas que cobren o escenario.

A mellora do sistema de detección e prevención de incendios da Casa da Cultura de Bertamiráns permitiría instalar detectores ópticos de fumes, substituír a central, colocar pulsadores manuais e sirenas ópticas e acústicas tanto exteriores como interiores.

A través desta subvención, contémplase tamén a instalación dun sistema de conexión inalámbrica a internet, formado por un controlador, un punto de acceso interior e outro exterior. O obxectivo é renovar o sistema existente. Por último, melloraranse as condicións das cortinas que cobren o escenario da Casa da Cultura substituíndoas por outras ignífugas.