[28-09-2018] O alcalde de Ames e concelleiro de Deportes, José Miñones, vén de manter unha reunión na Deputación da Coruña para tratar de acadar financiamento para o cambio do céspede e mellora da iluminación do campo de fútbol de Bertamiráns. O orzamento do proxecto ascende a 360.000 euros. O Concello solicita unha subvención de 300.000 euros, para sufragar o 80% do proxecto. En dita xuntanza o goberno municipal de Ames tratou de xustificar a necesidade deste investimento, debido aos anos que pasaron xa desde que se fixera a instalación do céspede en 2007.
A excesiva demanda que sofre o campo municipal de Bertamiráns desde hai anos, con adestramentos que ocupan todas as tardes do ano desde as 16.30 ata as 23.00 horas, xunto co uso que se fai durante toda a fin de semana, con competicións os sábados e domingos, son as principais razóns polas que dita instalación ten un excesivo desgaste na actualidade, con zonas moi deterioradas onde se acumula a auga nos días de inverno. O tipo e características do céspede instalado no seu día, queda moi lonxe da calidade actual dos céspedes que se están instalando nos campos de Galicia e España.
Ademais, o investimento que se pretende levar a cabo tamén contemplaría unha actuación sobre o sistema de alumeado, escaso e sen cumprir os requisitos técnicos para a dimensión do campo, e que ademais está a supoñer un elevado custe de mantemento para o Concello. O goberno municipal quere levar a cabo o cambio de luminarias, para implantar focos con tecnoloxía LED, así como a instalación de 4 novas torres que teñan a altura necesaria para as dimensións do campo. O obxectivo é instalar unhas torres de iluminación similares ás do campo de fútbol do Milladoiro.
Por último, as actuacións de mellora que se pretenden realizar tamén incluirían o cambio do sistema de rego, co obxectivo de colocar novos canóns baixo terra que incrementarían a seguridade da contorna do campo, respecto aos que hai na actualidade en superficie, e que deben ser tapados cunha protección para a seguridade dos xogadores.
Solicitude de financiamento á Deputación
Para levar a cabo este investimento, que superaría os 300.000 euros, o Concello solicita apoio económico á Deputación de A Coruña para que subvencione as actuacións cunha achega do 80% do proxecto. O restante 20% sería asumido polo Concello cunha achega próxima aos 60.000 euros.
O alcalde e concelleiro de Deportes, José Miñones, sinala que “xa en conversas anteriores coa Deputación estívose negociando unha subvención para levar a cabo a construción dun anexo ao pavillón, un investimento que superaba o medio millón de euros, pero para o que non se contou coa axuda da Xunta de Galicia que tan só aportaba 50.000 euros”.
A solicitude realizada polo goberno foi ben acollida polo representante da Deputación e en vindeiras semanas darase unha contestación ao respecto. De ter o visto bo, por parte da Deputación, o goberno conta con encargar o proxecto antes de finais de ano e comezar canto antes coa licitación das obras.
Desde o Concello nesta mesma semana remitiuse un escrito de solicitude formal. Miñones afirma que “esperamos que a Deputación saiba ver a demanda que ten o campo de fútbol de Bertamiráns, e facilite o proceso para poder contar coa aprobación desta subvención, e así poidamos executar canto antes esta demanda de hai anos. A aposta polo deporte é unha das premisas deste goberno ante o perfil xove que ten Ames”.
Contido relacionado
Compostela 24 horas: "Ames quere cambiar o céspede do Campo de Fútbol de Bertamiráns"