[07-05-2011] A Concellaría de Benestar Social e Igualdade desenvolve ano tras ano un conxunto de programas para a prestación de servizos sociais, a maior parte dirixidos á atención primaria. É o coñecido como Plan Concertado, no que se recollen programas e investimentos para servizos sociais comunitarios. O Concello de Ames ten previsto investir nesta área un total de 1.626.340,58 euros durante o exercicio 2011. Para poder sufragar unha parte deste plan a Administración local acaba de solicitarlle unha axuda á Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia por valor de 866.344,64 euros, co fin de financiar o 53% deste programa. Mentres a Administración local achegará 759.995,94 euros, o que supón unha porcentaxe do 47% sobre o orzamento total do proxecto. No pleno ordinario do mes de abril douse conta á corporación municipal da solicitude desta axuda.
A concellaría de Benestar Social e Igualdade desenvolve ano tras ano un conxunto de actividades e programas para a prestación de servizos sociais, a maior parte dirixidos á atención primaria. Axudas económicas para familias numerosas, actividades de envellecemento activo para os maiores, o servizo de transporte adaptado, a mellora de infravivendas, axuda a domicilio, son algún dos servizos que se veñen levando a cabo dende este departamento e que están dirixidos á poboación do concello de Ames, que na actualidade conta con 29.000 habitantes. Poboación que se encontra en continuo crecemento, polo que o número de persoas atendidas cada ano polos servizos sociais vai incrementándose.
Todos os servizos sociais ofertados pola Concellaría de Benestar Social e Igualdade están destinados a mellorar as posibilidades e as condicións de vida de todos os amienses, sobre todo aqueles con necesidades especiais e falta de recursos. Así, no concello de Ames desenvólvese unha serie de servizos sociais de atención primaria entre os que podemos encontrar un programa de información, orientación e asesoramento. A información que recibe cada veciño é persoal, directa e moi próxima a eles mesmos, coñecendo moito mellor a canle de acceso aos recursos sociais existentes e mellorando así a súa calidade de vida.
O servizo de transporte adaptado, a axuda a domicilio ou o servizo de atención ao migrante son algúns dos moitos programas de atención primaria que desenvolve a Concellaría de Servizos Sociais e que se enmarcan no Plan Concertado 2011. "Todas as iniciativas e gastos previstos neste eido polo departamento tentan cubrir as necesidades dos amienses con problemas e carencias moi variadas: mobilidade, dependencia, recursos económicos reducidos, violencia de xénero ou simplemente programas de axuda a colectivos como inmigrantes ou emigrantes retornados, ou a realización de actividades e exercicios que axuden a fomentar a autonomía persoal dos anciáns" afirma Isabel González Cancela, concelleira de Benestar Social e Igualdade.
O Concello ten unha partida no orzamento deste ano destinada á prestación de servizos sociais xerais que ascende a 1.626.340,58 euros. Para financiar unha parte desta contía o Concello de Ames acaba de solicitar unha axuda de 866.344,64 euros á Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia. Ademais, a A administración local achegará 759.995,94 euros, que representa o 47% do orzamento total dedicado aos programas sociais.
No caso de ser concedida, a contía solicitada á Xunta de Galicia, investirase en gastos de persoal (335.860,23 euros), mantemento dos programas (1.000 euros), desenvolvemento do programa de axuda no fogar -na modalidade de prestación básica do Plan Concertado (30.120 euros) e na modalidade para persoas valoradas como dependentes (269.700,00 euros)- e na xestión de programas (229.664,41 euros).
Do orzamento total co que se conta, que ascende á 1.626.340 euros, dedúcense os gastos de persoal que se estiman en 500.000 euros, o programa de axuda no fogar ao que se lle dedican 464.820 euros, a xestión de programas que ascende a 659.520 e mantemento do plan ao que lle dedican 2.000 euros.
Dentro do proxecto de servizos sociais de atención primaria do Concello para este ano inclúense programas moi variados dirixidos a colectivos moi diferentes. Un dos gastos contemplados é o destinado a manter o persoal do departamento municipal de Servizos Sociais que é o encargado de ofrecer asistencia e información aos amienses sobre todos estes programas e actividades. A concellaría de Servizos Sociais e Igualdade conta con 19 persoas dividas en diferentes departamento (Servizo de Atención á Muller, Oficina de Voluntariado, Servizo de Atención ao Migrante, etc.). A esta partida dedicaráselle unha contía de 500.000 euros.
Axuda a domicilio
O programa básico de axuda a domicilio é un dos que máis esforzos e recursos económicos precisa. Para este programa reservouse unha contía de 464.820 euros. Ten por obxectivo prestar un conxunto de atencións a aquelas familias ou persoas que teñen limitada a súa autonomía. Estas persoas precisan dunha intervención para conseguir a súa normalización e desenvolvemento da vida diaria e o Concello ofrécelles coidados persoais, a realización das tarefas domésticas, coidados especiais e tarefas de axuda na vida social e relacional.
O Concello ofrece ademais un servizo de transporte adaptado para persoas con déficits de autonomía persoal e dificultades de desprazamento. Este servizo, que está dirixido ás persoas con dificultades de mobilidade, persoas maiores que viven soas, inclúe os servizos dunha condutora e un auxiliar de transporte que recollen aos usuarios na súa casa e os trasladan aos lugares aos que necesiten ir: ao médico, á administración para realizar os seus trámites, a eventos sociais, etc. O microbús dispón dun total de 11 prazas, 9 prazas para persoas sentadas e 2 para cadeira de rodas.
A través do programa de transporte adaptado, do que se beneficiaron o ano pasado arredor de 250 usuarios, as persoas con problemas de mobilidade teñen a posibilidade de realizar tarefas diarias, tales como acudir aos servizos médicos, realizar xestións administrativas ou asistir a eventos sociais (escola de maiores, cursos, xornadas, actos deportivos, etc.), que doutro xeito non poderían desenvolver. Este programa está xestionado e sufragado integramente pola Administración local.
Servizo de Atención ao Migrante
O Servizo de Atención ao Migrante (SAMI) está composto por un mediador intercultural e un asesora xurídica. Mediante este servizo búscase axudar ao asentamento da poboación inmigrante e retornada no noso concello nas mellores condicións para a súa integración social, así como facilitarlles a aprendizaxe da lingua galega e castelá, ademais de apoiar psicolóxica e emocionalmente a estas persoas para facerlles menos traumático o seu proceso migratorio. Dende o SAMI realízanse diferentes actividades, como poden ser clases de español, obradoiros de lingua e cultura galegas e de teatro intercultural.
Actualmente este servizo atende de forma directa e personalizada a uns 1.800 estranxeiros que están empadroados no concello, ademais dos retornados, que tamén son considerados emigrantes. Dende a asesoría xurídica deste servizo atendeuse durante o 2010 a un total de 298 inmigrantes e retornados. Estas persoas realizaron 597 consultas para resolver diversas cuestións. Ademais, a asesora xurídica abriu 173 expedientes novos de 159 inmigrantes que pasaron por primeira vez pola oficina e 14 retornados que acudiron por primeira vez a este servizo.
Actividades de lecer e tempo libre para maiores
A Concellaría continúa desenvolvendo actividades de lecer e tempo libre para maiores. Con elas preténdese favorecer o envellecemento activo dos anciáns a través de programas preventivos dende a etapa adulta. Trátase de Amessan, un programa que se leva desenvolvendo dende o 2004 con variadas actividades como ximnasia terapéutica, obradoiro de pintura, de expresión músico-tradicional ou de cociña. Este ano asisten arredor de 400 persoas dende o pasado mes de outubro.
Outro do programas que se desenvolven en Ames é o da infravivenda rural municipal a través do que se tenta resolver o problema de familias e unidades de convivencia con baixos ingresos que dispoñen de vivendas que non reúnen as condicións mínimas de habitabilidade. O ano pasado o Concello executou obras de mellora en cinco infravivendas. Estes traballos tiveron un custo de 56.818 euros.
A aula de desenvolvemento integral de persoas con discapacidade, Adames, o programa de educación familiar, a atención ás vítimas da violencia de xénero ou o programa de voluntariado social son máis exemplos das achegas do Concello no eido dos servizos sociais de atención primaria. Ademais deste tipo de axuda, o Concello ofrece apoio económico a familias numerosas.
A nova noutros medios dixitais:
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Ames reclama 866.000 euros para gastos sociales"
La Voz de Galicia: "Ames reclama 866.000 euros para gastos sociales"




