[02-03-2011] Dende o Concello de Ames estanse fomentando os proxectos relacionados coa reutilización dos residuos orgánicos xerados nos fogares amienses. Para iso acábase de solicitar á Xunta de Galicia unha axuda para poñer en marcha un novo programa de compostaxe doméstica, que incluirá unha campaña de comunicación que divulgue entre a poboación a necesidade da compostaxe, unha serie de cursos de preparación para todos aqueles que desexen realizar procesos de compostaxe nas súas casas e a adquisición dos materiais necesarios para a elaboración da compostaxe como son unha máquina trituradora, compostadores, aireadores de compost, etc. Coa adquisición dunha trituradora poderase realizar un mellor aproveitamento dos abundantes residuos vexetais xerados no propio termo municipal. A partida económica solicitada ascende á contía de 28.019,20 euros.
Ata o de agora desenvolvéronse varias campañas de compostaxe doméstica para poder realizar unha correcta xestión dos residuos orgánicos xerados nos fogares amienses sen necesidade de recollida nin transporte. Estas campañas tiveron unha gran acollida entre a veciñanza de Ames. Debido a súa aceptación social e ou seu carácter educativo calou entre moitos dos amienses. Na actualidade xa son 130 familias que están a reciclar a materia orgánica nos seus fogares.
Convencidos que a compostaxe doméstica é un paso cara á sostibilidade o Concello de Ames quere iniciar a 100 familias máis neste práctica. Ademais preténdese adquirir unha trituradora para aproveitar mellor os abundantes residuos vexetais xerados no propio concello. A través da compostaxe dos restos de comidas, os residuos procedentes da limpeza de hortalizas ou outros alimentos, restos de pequenas podas, herba ou outros residuos orgánicos redúcese o volume de lixo que xeramos no fogar e transformamos os nosos residuos converténdoos en abono natural moi escaso no mercado.
Para darlle continuidade a este proxecto solicitouse unha axuda á Xunta de Galicia xa que o goberno autonómico, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e coa colaboración no financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional a través do programa Feder Galicia 2007-2013, publicou unha liña de subvencións destinadas á prevención e recollida selectiva de residuos.
Aproveitando esta liña de axudas o Concello de Ames pretende darlle un novo impulso ao programa de compostaxe caseira. Entre as accións que se teñen previsto levar a cabo están unha campaña de comunicación que divulgue entre a poboación a necesidade da compostaxe, a través de charlas, campañas comunicativas, reparto de composteiros e materiais bibliográficos sobre o tema, etc. Ademais preténdese organizar unha serie de cursos de preparación para todos aqueles que desexen realizar procesos de compostaxe nas súas casas e a adquisición dos materiais necesarios para a elaboración da compostaxe como son unha máquina trituradora, compostadores, aireadores de compost, etc.
Para realizar as actividades de educación e sensibilización necesitaríase unha dotación económica que ascendería aos 3.620 euros, mentres que para a adquisición dos materiais necesitaríanse é preciso dispor de 24.399,20 euros. A partida económica solicitada ascende á contía de 28.019,20 euros.
Adquisición dunha trituradora
A concelleira de Medio Ambiente, Úrsula Seijas, destacou que "a finalidade da adquisición dunha trituradora é conseguir aproveitar a gran cantidade de residuos vexetais que se producen no concello, residuos que son resultado das podas en parques e xardíns e dos desbroces, así como da retirada de ramas e árbores que caen e todos aqueles residuos vexetais recollidos no punto limpo do concello. Deste xeito, os restos derivados dos procesos de desbroce e das podas forestais poden ser triturados no propio lugar onde se realiza o traballo e o material vexetal pode ser integrado e aproveitado polo chan forestal conseguindo un importante aforro económico, xa que se reducirían de xeito considerable as viaxes a planta de Lousame ou ao Punto Limpo do Milladoiro, para levar os residuos procedentes do desbroce e das podas. Así, redúcese o gasto en combustible e ao mesmo tempo redúcense as emisións de CO2 ao aire".
Esta máquina consegue triturar gran cantidade de residuos destas características nun marxe moi curto de tempo que logra reducir considerablemente o tamaño das mesmas, como se fose unha especie de máquina de picar carne xigante que ao introducir os elementos vexetais por un lado estes pasan ao receptáculo de trituración e saen polo outro lado convertidos en pedazos minúsculos.
Obxectivos do programa
Un dos principais obxectivos é fomentar a compostaxe entre a veciñanza amiense. Algo máis da metade dos residuos que producimos a diario son restos de comida, residuos procedentes de limpeza das hortalizas e restos de plantas da casa ou do xardín. Co programa de comspostaxe caseira contribúese a darlle unha solución á problemática dos residuos, en especial da materia orgánica, e redúcese en orixe o volume de residuos, coa conseguinte redución da necesidade de recollida, transporte, tratamento e a súa contaminación asociada (emisión de CO2, dioxinas, ruído, etc). Ademais axuda a recuperar unha práctica tradicional, como é a esterqueira e a reincorporar ao chan os restos das talas e podas forestais.
Ademais, coa adquisición dunha trituradora, cúmprese outro dos obxectivos do programa xa que se poderá realizar un mellor aproveitamento dos abundantes residuos vexetais xerados no propio termo municipal. Esta máquina deixa os residuos vexetais nun estado de descomposición que é moi axeitado para realizar o proceso de compostaxe.




