Pestanas principais

O Concello de Ames solicita unha axuda para desenvolver o programa “Educar en igualdade”

Venres, 27 de maio de 2011

[27-05-2011] O Concello de Ames acaba de solicitar una axuda por importe de 9.650 euros á Secretaría Xeral da igualdade, dependente da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, da Xunta de Galicia. O programa educar en igualdade ten como fin formar ao alumnado dos centros de ensino de educación infantil e primaria amienses e do IES de Ames, para que se desenvolvan e relacionen plenamente sen prexuízos sexistas. Dentro deste programa enmárcanse accións para a promoción da igualdade entre mulleres e homes e actividades dirixidas á poboación infantil e xuvenil para favorecer a coeducación, tanto no ámbito educativo, en colaboración cos centros educativos do municipais ou coas ANPAS, como no ámbito da familia ou na sociedade. Este programa tamén está dirixido ás nais e pais do alumnado amiense.

Os procesos de socialización que teñen lugar dende a nosa infancia, a través de diferentes axentes sociais como a familia, a escola, os medios de comunicación, etc., modelan a nosa identidade. Neste proceso de socialización interiorízanse actitudes, apréndense diferentes roles, constrúense atribucións de xénero sobre as persoas e as diferencias que se marcan sobre os dous sexos convértense, a maioría das veces, en desigualdade. O sistema educativo actual ten un papel fundamental nos procesos de socialización a través das relacións entre o alumnado, a interacción profesorado-alumnado, e os materiais educativos.

O programa "Educar en igualdade" ten como fin formar criticamente aos alumnado dos centros de ensino de educación infantil e primaria amienses e do IES de Ames para desenvolverse e relacionarse plenamente sen prexuízos sexistas, e tamén ás nais e pais. A finalidade é favorecer que na comunidade escolar se incorpore a perspectiva de xénero nas súas prácticas diarias, partindo da premisa de que os centros escolares constitúen un espazo idóneo para facer efectivo o principio de igualdade entre mulleres e homes ao influír nel unha diversidade de axentes socializadores que son clave para a erradicación do sexismo, como son as familias, os grupos de iguais e os sistema educativo como tal, con especial atención ás linguaxes.

A educación é unha das estratexias básicas para acadar a igualdade real entre homes e mulleres, promovendo un sistema educativo baseado na aprendizaxe e desenvolvemento dunha serie de habilidades, capacidades e valores que permitan ao alumnado, independentemente do seu sexo, enfrontarse a unha sociedade en continuo cambio, co fin de posibilitar a súa propia integración e participación presentes e futuras en todos os espazos da sociedade como individuos libres e coas mesmas oportunidades.

Principais obxectivo do programa

O obxectivo xeral do programa "Educar en igualdade" é ofrecerlle ao alumnado e ás nais e pais as ferramentas necesarias para potenciar actitudes críticas fronte as diferencias de xénero. Algúns dos obxectivos específicos que se inclúen dentro deste programa son analizar os roles e estereotipos de xénero e como condicionan as nosas decisións; coñecer e analizar dunha forma crítica o modelo de socialización diferenciada transmitida a través dos axentes sociais como a familia, a escola, os medios de comunicación e a publicidade; analizar criticamente as diferenzas en función do sexo na asignación de tarefas e responsabilidades na familia, na comunidade escolar e noutras instancias; favorecer un cambio de actitudes e comportamentos con respecto á asunción da corresponsabilidade familiar a través da súa valoración; fomentar unha análise persoal e grupal que permita favorecer a elección de opcións profesionais futuras sen discriminación de xénero como medio para favorecer o acceso á formación e ao emprego en igualdade; e fomentar as relacións igualitarias entre nenas e nenos en todos os ámbitos.

Así mesmo o traballo con nais e pais ten como obxectivo facer visible a importancia do proceso de socialización na configuración das identidades de xénero; identificar a dualidade do modelo sexo-xénero; incentivar a reflexión sobre os novos modelos de feminidade e masculinidade; reflexionar sobre a propia realidade persoal e social; e suscitar o recoñecemento das propias potencialidade e capacidade e favorecer o desenvolvemento das mesmas.

Metodoloxía de traballo

A metodoloxía que se empregará co alumnado debe ser entendida como unha metodoloxía práctica, sustentada en situacións reais ou simuladas que lle permita ao alumnado darlle sentido e significado ás actividades propostas. Por outra banda empregarase unha metodoloxía que favoreza no alumnado procesos de estruturación da información obtida para asegurar un posterior manexo e optimización da devandita información.

Por iso, combínanse actividades con diferentes formatos, mestúranse actividades individuais, para favorecer procesos de reflexión individual e de auto-análise con actividades de grupo, que permitan tarefas de pescuda e análise en equipos de traballo tanto pequenos como grandes nos que se inclúa a totalidade das persoas de cada unha das clases.

Nun primeiro momento desenvolverase o marco ideolóxico e conceptual que condiciona a construción do xénero. Nun segundo momento, traballarase de maneira práctica a transmisión dos modelos feminino e masculino a través dos medios de comunicación e a publicidade. Deste xeito, realizarase diferentes obradoiros co alumnado para abordar os temas da socialización diferenciada e a corresponsabilidade. Por outra banda, organizaranse outro tipo de obradoiros (a socialización diferenciada e a transmisión de roles e estereotipos a través da publicidade) con pais e nais dos alumnos/as.

Obradoiros

Para abordar o obradoiro da socialización diferenciada o alumando debe partir da súa propia experiencia, da realidade que lles é máis próxima xa que forman parte da sociedade que se vai analizar. Só así poderán contribuír a cambiar a realidade na que vivimos e facer posible a igualdade entre homes e mulleres, e polo tanto o pleno desenvolvemento das persoas en todos os ámbitos os que se ven inmersas: persoal, afectivo, social, cultural, económico, político, etc. En canto ao obradoiro de corresponsabilidade, neste bloque vaise traballar sobre o reparto de responsabilidades domésticas e de coidado dos nenos e nenas.

O desenvolvemento deste programa de actividades poderíase levar a cabo nas propias aulas dos centros de ensino. Ademais empregaríanse fichas didácticas adaptadas para ao desenvolvemento das dinámicas, tanto do alumnado como coas nais e pais. Outro tipo de material necesario para a posta en marcha deste programa serías dicionarios, revistas, xornais, libros de arte e literatura, cartolina, cores e un encerado.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Carlos Fernández solicita una ayuda a Presidencia"