[26-01-2016] A concellaría de Medio Ambiente acaba de presentar a solicitude dunha axuda para crear na localidade de Bertamiráns un parque para os cans. O proxecto presentouse na Xunta de Galicia para optar ás achegas que outorga o Fondo de compensación ambiental a través de concorrencia competitiva. Para optar a esta axuda o Concello terá que facer un investimento máximo de 40.000 euros. Deste importe a Xunta financiaría ata un máximo dun 80% (uns 32.000 euros) e o Concello tería que achegar o 20% restante, que ascende á cantidade de 8.000 euros.
Este proxecto redactouse de xeito consensuado e realizando varias xuntanzas cos axentes implicados nesta materia como son as asociacións de animais e os propietarios de cans de Bertamiráns. Deste xeito, puideron realizar as achegas que consideraron oportunas sobre o emprazamento do parque e outras cuestións. Todas estas suxestións foron tidas en conta á hora de redactar o devandito proxecto.
Por outra banda, a semana pasada este proxecto foille presentado ao resto dos grupos municipais con representación na corporación municipal para que tamén tiveran a oportunidade de dar a súa opinión e puideran facer as súas achegas antes de presentalo esta semana. Asemade, dende o departamento de Medio Ambiente mantiveron varias xuntanzas con estudios técnicos e empresas de construción para que este proxecto recollese a utilización de materias respectuosos co medio.
A concelleira de Medio Ambiente, Catuxa García, destaca que “a creación deste parque farase tendo en conta os criterios ambientais e para dar resposta a unha demanda social de hai moitos anos. O noso obxectivo é crear un lugar de convivencia amable para os propietarios de cans e tamén para o resto de usuarios/as. Será un espazo moi dinámico e que non vai romper co resto da contorna. Proximamente vaise a asinar un convenio con varias asociacións de animais para desenvolver actividades de concienciación, programas de inclusión e obradoiros de terapia cognitiva con cans”.
Catuxa García explica que “coa creación deste parque tamén se pretende darlle un espazo aos propietarios de cans para que poidan cumprir coa normativa vixente, regularizar a súa situación e reducir o número de sancións, así como mellorar a situación de benestar dos animais”.
Xuntanza cos propietarios de cans do Milladoiro
Dende o departamento de Medio Ambiente convocouse unha reunión cos propietarios de cans do Milladoiro para o vindeiro xoves, 4 de febreiro, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura desta localidade. Nesta xuntanza estudaranse as diferentes posibilidades de emprazamento que existen para crear un parque dedicado aos cans no Milladoiro.
Contido relacionado

La Voz de Galicia:"El Concello proyecta parques para perros en Milladoiro y Bertamiráns"
El Correo Gallego:"Buscan financiación para dotar a Bertamiráns con su primer parque canino"




