Pestanas principais

O Concello de Ames solicita información das liñas de transporte metropolitano que operan en verán ante a Dirección Xeral de Mobilidade

Martes, 08 de xullo de 2014

[08-07-2014] O Concello de Ames vén de presentar un escrito ante a Dirección Xeral de Mobilidade, para solicitar información sobre as liñas de transporte metropolitano que estarán activas durante a época de verán. Unha vez se reciba a contestación da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas o goberno municipal dará publicidade da información recibida a toda a veciñanza co obxectivo de que poidan coñecer con exactitude as liñas de transporte metropolitano que operarán durante os meses de verán no municipio de Ames.

Durante a época de verán os usuarios/as que empregan o servizo de transporte urbano reclaman a miúdo información sobre os novos horarios de autobuses do transporte metropolitano. Debido a iso, o Concello de Ames acaba de enviarlle un escrito á Dirección Xeral de Mobilidade, para que coa maior brevidade posible se comuniquen os horarios nos que operará este servizo durante o período estival e, deste xeito, poder informar aos usuarios/as deste servizo tan demandado pola veciñanza amiense.

Ademais, dende o goberno municipal solicitouse información sobre a diminución de liñas de transporte urbano durante o verán e tamén se dou conta das queixas transmitidas pola veciñanza amiense sobre o mal estado dos autobuses que realizan servizos de transporte metropolitano ao seu paso por Bertamiráns. Varios veciños e veciñas comunicáronlle ao Concello que estes autobuses presentan a miúdo un mal estado de conservación. Debido a iso, dende o goberno municipal solicitóuselle á Dirección Xeral de Mobilidade que realice as xestións oportunas de cara a que a devandita empresa preste o servizo dun xeito adecuado.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames pide a Mobilidade información do transporte metropolitano de verán"
La Voz de Galicia: "El bus metropolitano genera nuevas críticas por horarios y servicios en Bertamiráns"