[06-06-2012] O Concello de Ames vén de remitir á Consellería do Medio Rural e do Mar catro proxectos de obras que considera prioritario incluír no PEIM 2012, o Plan Estratéxico de Infraestruturas no Medio Rural. O PEIM é un plan de obras destinado a mellorar infraestruturas no entorno rural que conta con financiamento da Xunta de Galicia e do Goberno central. A través deste plan, o Concello poderá sufragar algúns dos custos que lle supón a mellora da rede viaria de camiños municipais.
Na certificación enviada estes días á Consellería, o Goberno amiense inclúe o camiño de Searez a Oca, o acceso a Framil, o camiño que une Barreiro e Framil e o que une o Polígono do Milladoiro e Coira. En total, o presuposto de licitación, IVE incluído, ascende á contía de 41.840 euros.
No camiño que une Searez e Oca (Ames), que conta cunha lonxitude total de 1.440 metros e 400 de ancho, preténdese a mellora da capa de rodaxe da vía, mediante un tratamento asfáltico superficial. Previamente, repararanse as fochancas e perfilaranse as mordentes con grava e asfalto. Neste caso, tamén se contempla a limpeza das gabias a ambos lados.
Por outra banda, no acceso a Framil (de 130 metros de lonxitude e 3,5 de ancho) o Concello cre prioritario mellorar a vía con asfalto e reparar fochancas e mordentes. Tamén contempla a necesidade de acometer a limpeza das gabias e colocar unha sinal de STOP.
Cunha lonxitude total de 870 metros, no camiño que vai de Barreiro a Framil tamén se precisa a mellora da capa de rodaxe con asfalto e a reparación de mordentes e fochancas. Aquí, tamén sería preciso acometer a limpeza das gabias nas dúas marxes do camiño.
Por último, no camiño que une o Polígono do Milladoiro con Coira, de 345 metros de lonxitude e 5 de ancho, fanse necesarias tamén a mellora do firme, eliminando fochancas e dando un tratamento asfáltico semiprofundo. Neste punto, inclúese a necesidade de limpar as gabias e a canalización de 2 metros de tajea de formigón de 40 centímetros de diámetro para drenaxe.




