[30-04-2012] A través desta axuda posibilitarase a contratación do persoal técnico necesario para continuar desenvolvendo con eficacia os obxectivos operativos do programa: informar, orientar, valorar, asesorar e derivar a toda a poboación que o demande co fin de mellorar o seu benestar social. Neste momento, o departamento de Servizos Sociais está ultimando a xustificación da subvención concedida en 2011 con este mesmo obxecto por un importe de 29.751 euros.
O Concello de Ames acaba de solicitarlle á Deputación Provincial da Coruña unha subvención de 39.845 euros coa intención de dar continuidade coas máximas garantías ao Programa de Información, Valoración, Orientación e Asesoramento, que o departamento municipal de Servizos Sociais desenvolve a través das Unidades de Traballo Social de Bertamiráns e do Milladoiro.
O Programa de Información, Valoración, Orientación e Asesoramento pretende achegar á poboación en xeral todos aqueles recursos, programas e prestacións sociais que inciden na súa calidade de vida e benestar. Entre a cidadanía amiense existen colectivos de moi diversa índole que precisan dunha atención cada vez máis exhaustiva e específica e, neste sentido, hai que sinalar que o incremento poboacional que experimenta ano tras ano o concello de Ames está repercutindo no aumento das intervencións realizadas dende o departamento de Servizos Sociais, e como consecuencia, nun aumento da carga de traballo diario dos traballadores sociais. Deste xeito, o Concello de Ames entende que subvención solicitada á Deputación da Coruña contribuirá a garantir a prestación desta atención social nas mellores condicións.




