[05-05-2012] Ante o importante incremento do número de furtos de cable de cobre rexistrado nas últimas semanas, o Concello de Ames quere facer un chamamento aos veciños do municipio para que alerten á Policía Local de calquera situación que lles poida parecer relevante. O obxectivo é evitar, na medida do posible, que se produzan novos roubos. Na maioría das ocasións, estes sucesos xeran o corte da subministración eléctrica.
Só na última semana, a Policía Local de Ames contabilizou tres roubos de cable de cobre. Os sucesos producíronse na parroquia de San Mamede de Piñeiro, onde se rexistraron un total de sete cortes na liña eléctrica a diferentes alturas, e no lugar de Seares de Arriba, no que se atoparon cinco farois da iluminación pública coa liña eléctrica cortada. Neste segundo caso, comprobouse o furto de aproximadamente uns cen metros de cable. Por último, en Tapia detectáronse tres farois coa tapa da base aberta e a mangueira eléctrica cortada.
O Concello de Ames destaca o traballo que está a desenvolver a Policía Local para atallar estes roubos e considera importante a colaboración dos veciños para poder loitar contra estes sucesos, que ocasionan un grave prexuízo aos veciños e veciñas das zonas afectadas.




