Pestanas principais

O Concello de Ames será sede do proxecto RedeXiana2 que contribúe ao fomento do emprego na provincia

Luns, 15 de abril de 2013

[15-04-2013] O Concello de Ames será sede da área 9 do programa Rede Xiana2. Deste xeito, o Concello de Ames vai desenvolver en colaboración coa Deputación da Coruña, accións formativas dirixidas a persoas desempregadas dos concellos de A Baña, Ames, Brión, O Pino, Teo, Boqueixón, Touro e Vedra. As accións formativas centraranse na area das novas tecnoloxías e enerxías renovables. En total impartiranse máis 2.500 horas de formación. A formación enmárcase no proxecto RedeXiana2 (Xestión Integral, Accesibilidade, Novas Tecnoloxías e Adaptabilidade no mercado laboral galego), cofinanciado pola entidade provincial e o Fondo Social Europeo. As persoas interesadas en participar nestas accións formativas deben formalizar a súa inscrición entre o 15 de abril e o 3 de maio na área de Desenvolvemento Local do Concello de Ames.

O Concello de Ames achega as súas novas instalacións municipais do Centro de Formación e Emprego da rúa Costaneira, en Aldea Nova para a impartición de accións formativas de alfabetización informática; busca de emprego e novas tecnoloxías; competencias clave; prevención de riscos laborais; operacións auxiliares de montaxe de redes eléctricas; montaxe e mantemento de instalacións eléctricas de baixa tensión; operacións auxiliares de montaxe de instalacións electrotécnicas e telecomunicacións en edificios; montaxe e mantemento de redes eléctricas de alta tensión e centros de transformación; e montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas.

O programa Rede Xiana2 recolle cinco accións formativas de formación específica sobre as enerxías renovables, a industria e maquinaria, as actividades da agricultura, o transporte e loxística e a atención á dependencia. O Concello de Ames desenvolverá accións formativas que se centrarán na area das novas tecnoloxías e enerxías renovables. En total impartiranse máis 2.500 horas de formación. Este ano o alumnado poderá obter o certificado de profesionalidade das accións formativas que se imparten. O programa formativo do proxecto RedeXiana2 inclúe en relación á formación específica a impartir, unha fase de formación teórica e unha fase de prácticas non laborais en empresas de sectores relacionados coa área e actividade na que se está formando o alumno/a.

As persoas participantes formarán parte dos itinerarios formativos e de inserción laboral previstos no proxecto, a través dos cales poderán recibir a formación adecuada ás súas necesidades formativas e a orientación e titorización individualiza e de xeito permanente ao longo de todo o itinerario. Vanse desenvolver itinerarios de alta, media e baixa intensidade en función das necesidades de apoio que teña cada un dos participantes neste programa.

Obxectivo: maior profesionalidade das persoas desempregadas
O obxectivo final consiste nunha maior profesionalidade das persoas desempregadas e a súa inserción no mercado laboral en termos de calidade e responsabilidade social, en virtude do Pacto Provincial polo Emprego Responsable na provincia da Coruña, asinado polos 91 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes que participan no proxecto RedeXiana2.

O proxecto inclúe un programa formativo que combina formación teórica con experiencia laboral en entidades e empresas da provincia de sectores económicos relacionados coa formación impartida. Ademais ofrece orientación laboral para a inserción das persoas desempregadas e apoio na procura activa de emprego a través da titorizacion e seguimento persoal permanente. Este acompañamento personalizado canalízase tamén a través do asesoramento especializado a persoas emprendedoras para a posta en marcha da súa idea empresarial.

Trámites de inscrición
As persoas interesadas en participar nestas accións formativas deben formalizar a súa inscrición entre o 15 de abril e o 3 de maio na área de Desenvolvemento Local do Concello de Ames. Nesta área poden obter máis información sobre este programa, así como recoller os impresos de solicitude e a documentación necesaria para facer a correspondente inscrición.