Pestanas principais

O Concello de Ames segue traballando intensamente na mellora da rede de comedores escolares e acada coas súas xestións a subvención económica da Xunta de Galicia

Luns, 25 de xuño de 2012

[25-06-2012] O Concello de Ames considera de vital importancia o acordo alcanzado recentemente coa Consellería de Educación e que se traducirá na colaboración do financiamento do servizo de comedor en cinco centros educativos amienses durante o vindeiro curso 2012-2013. O alcalde de Ames, Santiago Amor, fai fincapé en que, deste xeito, se cumpre o compromiso adquirido polo actual Goberno de lograr apoio económico da Xunta de Galicia para a rede de comedores escolares.

A consecución desta axuda é unha mostra máis da aposta que fai o Concello de Ames polo servizo de comedores escolares, no que no último curso se atendeu a 1.086 nenos e nenas, dos que 114 facían algún tipo de dieta especial. Estes menús son elaborados nas cociñas dos colexios, co esforzo humano e económico que iso supón. Outra mostra desta aposta foi a apertura por primeira vez, no curso que vén de rematar, do comedor de Barouta.

Co obxectivo de dar estabilidade laboral ao persoal da rede de comedores escolares, o Goberno de Ames está valorando a posibilidade de darlles a categoría de fixos descontinuos.

Consciente da importancia que ten este servizo, o Executivo está poñendo todos os medios ao seu alcance para a continuidade e mellora da rede de comedores. De feito, en decembro de 2011 aprobouse a implantación do concepto de progresividade nos servizos complementarios, o que supón a introdución da renda no cobro destes servizos mediante a utilización do IPREM. Deste este curso, nos comedores escolares, quen ten máis paga máis.

En só seis meses tras a aprobación da progresividade, acadouse a colaboración da Xunta de Galicia no servizo de comedores escolares, unha medida que supón un primeiro paso moi importante e que o Concello de Ames espera seguir ampliando en vindeiros cursos.

O alcalde de Ames, Santiago Amor, destaca que é a primeira vez desde que se presta este servizo na que se consegue unha subvención, algo que non se fixo nos anteriores Gobernos e que tivo un efecto negativo sobre a situación económica do Concello. Polo tanto, este decisivo acordo, dotado con 60.000 euros, supón un punto de inflexión na xestión da rede de comedores escolares amiense, xa que por primeira vez se logrou, grazas á insistencia e perseveranza do Goberno de Ames, unha subvención para o financiamento do servizo.

De feito, o acordo foi posible grazas ás xestións realizadas directamente polo alcalde de Ames, Santiago Amor, ante a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. O rexedor agradece á Xunta de Galicia o seu apoio neste primeiro paso, cuestión vital para o Concello amiense e un servizo básico para a conciliación das familias.

O convenio que se asinará co departamento autonómico beneficiará aos centros educativos de Ames: CEP de Ventín, o CEIP A Maía, CEIP de Barouta, CEIP Agro do Muíño e a Escola Infantil do Milladoiro.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El gobierno amiense estudia convertir a los trabajadores de los comedores en fijos discontinuos"