[09-01-2016] O concello de Ames continúa medrando pese á crise demográfica que afecta á maioría dos municipios galegos, rexistrando ao longo de 2015 preto de 400 nacementos e situándose a súa poboación a finais dese ano nos 30.764 habitantes, tendo en conta os datos provisionais que manexa o Concello a través do padrón municipal. Segundo os datos oficiais do Instituto Nacional de Estadística (INE), Ames contaba a principios de 2015 cun total de 30.267 habitantes (14.608 homes e 15.659 mulleres), o que supón que en doce meses sumou case 500 habitantes máis. Fronte á baixada de poboación rexistrada en Galicia que amosan os datos do INE, Ames segue medrando e sumando habitantes ano a ano.
O concello de Ames segue a sumar habitantes un ano máis e xa se consolida como un municipio con máis de 30.000 veciños/as. Actualmente, Ames é o décimo segundo concello de Galicia en número de habitantes. Segundo os datos que manexa o departamento do padrón municipal ao remate de 2015 había censados en Ames 30.764 habitantes (14.831 homes e 15.933 mulleres), dos que unha maioría deles están en idade de traballar e outra ampla maioría encádrase no grupo dos mozos, garantindo así o futuro demográfico do concello.
Deste xeito, o municipio amesán segue a ser un dos concellos que máis medra en toda Galicia, cunha porcentaxe de poboación nova moi alta, o que sitúa a idade media da poboación amesá nos 37,8 anos aproximadamente. Ademais, Ames é un dos concellos galegos cun mellor saldo vexetativo. Durante o 2015 calcúlase que houbo preto de 400 nacementos. O padrón municipal dispón de datos oficiais ata mediados de outubro de 2015. Ata ese momento rexistráronse un total de 312 nacementos (138 homes e 174 mulleres) e 141 defuncións (78 homes e 63 mulleres).
O alcalde de Ames, José Miñones, indica que “Ames pasa a ser o concello con mellor saldo vexetativo de Galicia e, deixando a un lado as capitais de provincia, o municipio no que máis nacementos se producen. O dato de nacementos segue a aumentar de forma progresiva nestes últimos anos superando os 346 do ano pasado e os 317 do 2013. Para o Concello estes números tan positivos son o resultado das políticas de conciliación que queremos potenciar e o feito de que en Ames se conte cuns servizos de calidade”.
En Bertamirás e no Milladoiro residen 20.955 habitantes, que representa o 68% da poboación. Por localidades, Milladoiro segue á cabeza do concello cun total de 12.605 habitantes censados (41% da poboación). Mentres que en Bertamiráns están censados 8.350 persoas (27% da poboación). Os 9.809 habitantes restantes distribúense entre as urbanizacións e as zonas rurais do concello. Con todos os datos derriba da mesa, podemos dicir que Ames destaca pola paridade en canto a sexos. Se falamos de demografía, tan só existen tres puntos e medio de diferenza entre os homes e as mulleres. Hai 14.831 homes, que representa o 48,20% da poboación, mentres que elas son 15.933 e representan o 51,8%.
O rexedor municipal explica que “debido ás características da poboación de Ames, que é eminentemente xoven, temos que seguir apostando e incluso reforzar os programa de conciliación da vida familiar e laboral, así como apostar polos programas de promoción de hábitos saudables e deportivos como é o caso do programa Ames saudable, que poremos en marcha agora a comezos de ano”.
Crecemento dende o ano 2.000
Nas últimas décadas, Ames foi un dos concellos galegos que máis medrou. Segundo os datos que figuran no Instituto Nacional de Estadística (INE) no ano 2000 o concello de Ames dispoñía de 16.549 habitantes (8.048 homes e 8.501 mulleres). En 2003 o número de habitantes xa ascendía a 20.016 persoas (9.718 homes e 10.298 mulleres), polo que o incremento en tres anos foi de 3.467 habitantes, máis de mil persoas por ano. Se nos detemos no ano 2006 o censo xa acumulaba un total de 23.219 habitantes (11.268 homes e 11.951 mulleres), polo que se volve a incrementar a cifra de censados en 3.203 persoas.
En 2009 o censo ascendeu ata chegar aos 26.983 habitantes (13.079 homes e 13.904 mulleres), polo que se volveu a producir un novo incremento de 3.764 habitantes respecto ao ano 2006. A principios de 2012 Ames xa contaba cun total de 29.331 habitantes, polo que en tres anos volveu a incrementarse en 2.348 o número de habitantes. Tres anos despois, a principios de 2015, o INE contabiliza un total de 30.267 habitantes (14.608 homes e 15.659 mulleres).
Contido relacionado

El Correo Gallego:"Ames se acerca a los 31.000 vecinos y ya supera el nacimiento diario"
La Voz de Galicia:"Milladoiro tiene casi tantos habitantes como Ordes y Bertamiráns se acerca a Padrón"




