[18-08-2011] O número de habitantes do Concello de Ames aumenta ano tras ano. Actualmente no censo municipal hai 29.355 persoas censadas. Durante os últimos anos produciuse un incremento medio de 1.000 habitantes censados por ano. Durante os primeiros sete meses deste ano houbo 498 novas altas no censo municipal, xa que a finais de decembro de 2010 había censados 28.857 habitantes. Mantendo este ritmo a finais de ano achegariámonos aos 30.000 habitantes. Ademais, Ames conságrase como un dos concellos máis novos da provincia de A Coruña, con máis da metade da súa poboación menor de 40 anos. O rango de idade máis numeroso corresponde entre os 20 e 39 anos, cunha cifra moi similar entre os 40 e 60 anos. A partir dos 61 anos a cifra descende. O número de nacementos segue a ser un dos máis altos de toda Galicia e ata maio de 2011 xa se rexistraron un total de 154 nacementos.
Distribución por franxas de idade
Se temos en conta a franxa de idade de entre 0 e 19 anos no que vai de ano, Ames conta con 6.553 rapaces e rapazas situados nesta franxa (o 22,33% da poboación total), dos cales, 3.334 (11,35%) son homes e 3.219 (10,96%) mulleres.
O rango de idade máis numeroso é o que corresponde entre os 20 e os 39 cun total de 9.502 habitantes. Estes 9.502 habitantes supoñen o 32,36% da poboación total do concello dos que 4.525 son homes (15,41% da poboación total), mentres que 4.977 son mulleres (16,95%), levando unha pequena vantaxe as mulleres sobre os varóns.
Na franxa que vai dos 40 aos 60 anos hai 9.359 persoas censadas, sendo o segundo grupo de poboación máis numeroso. Este grupo representa o 31,88% da poboación censada total. Divididos por sexos, 4.658 son homes (15,86% da poboación total), mentres que 4.701 son mulleres (16%).
Por último, cómpre salientar que maiores de 60 anos tan só hai 3.941 habitantes censados. Este grupo de poboación representa o 13,42% da poboación. Dentro deste grupo hai 1.693 homes (5,76% da poboación total) e 2.248 mulleres (7,65%).
Evolución demográfica
Na última década, o Concello de Ames ergueuse como o máis puxante de toda a comarca compostelá gañando 15.000 novos veciños dende 1996. No ano 1996 había censadas 13.288 persoas, das que 6.453 eran homes e 6.835 eran mulleres. Vendo estes datos e comparándoos cos actuais as diferenzas son significativas. Catro anos despois, no 2000, a poboación amiense xa era de 16.549 habitantes pero o incremento máis grande produciuse na última década chegando a case 28.000 cidadáns censados, cun incremento de preto de 12.000 persoas.
Segundo os datos que figuran no Instituto Nacional de Estadística (INE) no ano 2000 o concello de Ames dispoñía de 16.549 habitantes (8.048 homes e 8.501 mulleres). En 2003 o número de habitantes xa ascendía a 20.016 persoas (9.718 homes e 10.298 mulleres) polo que o incremento en tres anos foi de 3.467 habitantes, máis de mil persoas por ano. Se nos detemos no ano 2006 o censo xa acumulaba un total de 23.219 habitantes (11.268 homes e 11.951 mulleres), polo que se volve a incrementar a cifra de censados en 3.203 persoas. En 2009 o censo ascendeu ata chegar aos 26.983 habitantes (13.079 homes e 13.904 mulleres), polo que se volveu a producir un novo incremento de 3.764 habitantes respecto ao ano 2006.
Segundo figura na base de datos do Concello a 31/12/2010 o censo municipal ascendía a 28.857 habitantes. Este incrible aumento confirma que Ames é un dos municipios máis atractivos por varias razóns: a oferta de vivenda nova e de calidade a bo prezo, ser un importante núcleo de puxanza económica e os servizos municipais orientados á mellora na calidade de vida. Son moitas das características que fan de Ames un perfecto destino para comezar a construír unha nova vida familiar.
A súa proximidade coa cidade de Santiago de Compostela e a mellora das comunicacións co resto de Galicia, en parte grazas á posta en marcha da autovía que une Santiago con Brión, supón un paso moi importante para empadroarse no Concello: prezos máis ao alcance dos cidadáns e todo preto da casa nun ambiente máis relaxado lonxe da tensión que se respira nas cidades.
Aínda que no futuro todo parece indicar que o crecemento da poboación non vai aumentar ao ritmo destes últimos anos, tanto pola crise como polo estancamento de poboación que sofre a sociedade española, Ames seguirá sumando habitantes ao seu censo. Deste xeito, poderá seguir presumindo de ser un dos municipios que máis medre en toda Galicia nos próximos meses e alcanzar a cifra soñada dos 30.000 amienses.

O concello de Ames segue a sumar habitantes un ano máis e aproxímase pouco a pouco aos 30.000 cunha poboación total no que vai de ano de 29.355 habitantes, dos que unha maioría deles están en idade de traballar e outra ampla maioría encádrase no grupo dos mozos, garantindo así o futuro demográfico do concello que pouco a pouco vai gañando novos cidadáns mediante novos nacementos e novas incorporacións de persoas, tanto procedentes doutros concellos do Estado como daqueles que proceden do estranxeiro.
Deste xeito, o municipio amiense segue a ser un dos concellos que máis medra en toda Galicia, cunha porcentaxe de poboación nova moi alta. Nestes intres atópase ás portas dos 30.000 habitantes, cifra que á que probablemente se poida chegar a finais deste ano.
En Bertamirás e no Milladoiro residen 19.713 habitantes. Por localidades, Milladoiro segue á cabeza do concello cun total de 12.004 habitantes censados. Mentres que en Bertamiráns están censados 7.709 persoas. Os 9.642 habitantes restantes distribúense entre as urbanizacións e as zonas rurais do concello. Con todos os datos derriba da mesa, podemos dicir que Ames destaca pola paridade en canto a sexos. Se falamos de demografía, tan só existen un punto e medio de diferenza entre os homes e as mulleres. Hai 14.210 homes que representa o 48,40% da poboación, mentres que elas son 15.145 e representan o 51,6%.
Por todos é sabido que Ames conta cunha boa base demográfica que garante a subsistencia futura do concello. Ames tamén se consagra como un dos concellos con maior número de nacementos. Nos primeiros cinco meses de 2011 producíronse 154 nacementos. Deste xeito mantense a media de nacementos que se ven producindo nos últimos anos xa que en 2008 houbo 451; en 2009 rexistráronse 390 e en 2010 producíronse 374 nacementos. Deste xeito existe unha media de máis dun nacemento por dia.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Ames alcanzará los 30.000 vecinos antes de acabar el año"
El Correo Gallego: "Ames llegará a 30.000 censados este año, con un nacimiento al día"




