[22-03-2013] A Xunta de Goberno Local de Ames deu luz verde ao inicio dos expedientes de contratación dos servizos complementarios Escola de Verán 2013, Bos Días Cole e Tardes Divertidas. Os obxectivos destes programas son facilitar á cidadanía de Ames a conciliación da vida persoal, laboral e familiar, atendendo ao alumnado con profesionais especializados. Ademais, tamén se pretende contribuír á educación en hábitos alimenticios sans, así como as normas básicas de hixiene, respecto, tolerancia, convivencia e educación en igualdade.
Deste xeito, aprobouse o inicio do expediente de contratación do servizo de Escola de Verán 2013, que se impartirá entre os días 1 de xullo e 31 de agosto e que está destinado a nenos e nenas que estiveran escolarizados en educación infantil e primaria no curso escolar 2012-2013. O obxectivo do contrato é a realización e execución dun proxecto para facer unha oferta lúdica-educativa para que os rapaces e rapazas que participen neste programa pasen un verán diferente cos seus compañeiros e no seu contorno, á vez que aprenden conceptos fundamentais para a súa educación. Este programa contará con 320 prazas e desenvolverase en Bertamiráns e Milladoiro de luns a venres en horario de 07:30 a 16:00 horas. O prezo do contrato establécese en función dos prezos unitarios por hora de monitoraxe e por almorzo e xantar servido.
Na Xunta de Goberno Local tamén se deu luz verde ao inicio do expediente de contratación do programa Bos Días Cole para os próximos dous cursos escolares. Trátase dun servizo dirixido do alumnado de Educación Infantil, Primaria e ESO dos centros públicos do Concello de Ames, que funciona desde as 07:30 horas ata o momento de entrada nos centros respectivos.
A prestación deste servizo incluirá os traballos de monitoraxe, subministro e elaboración dos almorzos e o desenvolvemento de actividades lúdicas. Ademais, tamén incluirá o servizo de atención telefónica aos pais e nais dos nenos/as que participen neste programa. O prezo do contrato establécese en función dos prezos unitarios por hora de monitoraxe e por almorzo servido.
Por último, tamén se sacou a contratación o servizo complementario Tardes Divertidas para os próximos dous cursos. Trátase dun servizo dirixido aos nenos e nenas de 2º ciclo de Educación Infantil e Primaria, escolarizados nos centros educativos amienses ou empadroados no Concello. O horario deste servizo adaptase ao horario de saída do comedor escolar de cada centro educativo e remata ás 21:00 horas.
A prestación deste servizo incluirá a subministración dos alimentos necesarios para as merendas dos usuarios/as, a programación de actividades lúdico-educativas e a atención aos pais e nais nas cuestións relacionadas coa atención diaria dos nenos e nenas. O prezo do contrato fixase en función dos prezos unitarios por hora de monitoraxe e merenda servida.
As ofertas para estes servizos poderán presentarse dentro do prazo sinalado nos anuncios que se publicarán no DOG, no BOP e no perfil do contratante do Concello de Ames.




