[22-02-2013] A Xunta de Goberno Local de Ames deu luz verde ao inicio do expediente de contratación das obras de ampliación de abastecemento no lugar de Barouta, na parroquia de Ames. Estes traballos, incluídos no Plan de Obras e Servizos 2012 da Deputación da Coruña, contan cun orzamento de 82.655 euros.
A través deste proxecto de abastecemento de auga vaise mellorar a calidade do servizo que recibe actualmente o CEIP de Barouta e vaise ampliar o servizo a un gran número de veciños/as deste lugar da parroquia de Ames. O proxecto enmárcase dentro da planificación de abastecemento do Concello que ten como obxectivo de acondicionar as redes secundarias da rede de saneamento e abastecemento municipal.
O alcalde de Ames, Santiago Amor, subliña que “con esta actuación mellorarase a rede de saneamento do Concello, ampliando o servizo e mellorando a súa calidade”. O rexedor apunta, ademais, que a necesidade dos pertinentes permisos doutras administracións motivaron que se atrasase a licitación desta obra.
Características dos traballos
As obras que se acometerán no lugar de Barouta consisten na execución dunha canalización de polietileno de 2.320 metros de lonxitude, conectando o núcleo de Barouta dende a rede existente en Pedrouzos, previa escavación de gabia e posterior recheo compactado.
O obxectivo destes traballos é continuar coa rede de abastecemento municipal nesta zona, para o que se contempla a utilización de 2.310 metros de canalización coa correspondente instalación de valvulería e arquetas de aloxamento. Finalmente, levarase a cabo a reposición do pavimento afectado pola execución das obras, semellante ao existente, así como o entronque á rede existente e probas hidráulicas.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Ames saca a licitación as obras de ampliación do abastecemento de Barouta"




