Pestanas principais

O Concello de Ames saca a licitación a nova web municipal

Sábado, 22 de setembro de 2018

[22-09-2018] Mellorar a información e a comunicación coa veciñanza, permitir o acceso plenamente funcional á web tamén mediante dispositivos móbiles, modernizar o deseño, buscar a accesibilidade universal, facilitar a integración da web coas redes sociais e descentralizar e facilitar o traballo de xestión e administración do sitio son os obxectivos da renovación da web municipal. Para iso a Xunta de Goberno Local aprobou o expediente de licitación do servizo de deseño, implantación, posta en marcha e mantemento da páxina web municipal.

Para actualizar a web o Concello de Ames utiliza por vez primeira o procedemento aberto simplificado, unha novidade introducida pola nova Lei de Contratos do Sector Público. A licitación, publicada na Plataforma de Contratos do Estado, é para a contratación dos servizos de deseño, posta en marcha, mantemento e hosting da web cun orzamento de case 37.000 euros. O contrato poderá ser prorrogado por outros dous anos (un mais un). As empresas interesadas dispoñen de 15 días naturais para presentaren ofertas (ata o 3 de outubro de 2018).

A concelleira de Normalización Lingüística e Comunicación, Isabel Vaquero, destaca que “un concello dinámico e novo como Ames necesita canles de información e comunicación adaptadas ao século XXI e aos hábitos da veciñanza, que utiliza de forma masiva as novas tecnoloxías, as redes sociais, os móbiles. E a web municipal actual non responde a esas demandas. Ademais, a súa renovación permitirá un mellor acceso aos diversos trámites e xestións, que se modernizarán definitivamente mediante o empurrón, que lle darán os fondos europeos que financian a Estratexia DUSI “Impulsa Ames”, á sede electrónica ao longo destes dous anos”.

Potenciaranse os contidos de transparencia e actualidade
Con base en tecnoloxías abertas, a nova web terá unha estrutura orientada aos usuarios, cun deseño inicial que facilite a rápida localización da información e o acceso a trámites e servizos. Así mesmo ampliarase as posibilidades de comunicación (avisos mediante notificacións, boletíns informativos, envío de incidencias ao concello, e integración coas redes sociais) e potenciarase os contidos xa existentes de transparencia e de actualidade.

Na mesma liña, o contrato esixe que a nova web sexa accesible para persoas usuarias con dificultades visuais, auditivas, dislexia e as incluídas no espectro do autismo.

Por último, coa nova web búscase facilitar o seu uso tanto ao persoal técnico responsable do sitio como ao persoal dos diversos departamentos municipais, claves para descentralizalo e ampliar e atender contidos. Para iso, o contrato obriga tamén a un proceso formativo para os traballadores e traballadoras do Concello.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "O Concello de Ames saca a licitación unha nova páxina web por preto de 37.000 euros"
Compostela 24 horas: "En busca dunha nova páxina web para Ames"