Pestanas principais

O Concello de Ames rexeita a solicitude de prórroga da vixencia da declaración de impacto ambiental da EDAR do Souto

Sábado, 05 de maio de 2018

[05-05-2018] O Concello de Ames, en colaboración coa Plataforma pola recuperación do río Sar, vén de comunicar ao Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente a denegación de prórroga da vixencia da declaración de impacto ambiental da EDAR do Souto. Nas alegacións están fundamentadas en catro puntos nas cales se argumenta que a devandita declaración de impacto ambiental, cuxa prórroga se pretende e, polo tanto, a prórroga mesma, non se axusta a dereito e debe ser denegada.

O Concello de Ames, a pesar de ser parte implicada no proxecto de construción da EDAR do Souto, xa que a previsión é que se constrúa no concello de Santiago de Compostela pero nun punto limítrofe co concello de Ames, non foi nunca consultado durante o trámite de avaliación de impacto ambiental que concluíu coa declaración da prórroga da declaración de impacto ambiental. Deste xeito, dende o Concello de Ames non se tivo acceso ao expediente orixinal, co que non se puido comprobar se existen ou non modificacións sobre aspectos esenciais tidos en conta durante o devandito procedemento.

Tendo en conta iso considérase que a omisión de calquera tipo de consulta ou audiencia ao Concello de Ames, cando é obvia a súa condición de interesado como afectado directo pola devandita infraestrutura, dada a súa inmediata colindancia coa mesma e que, pola súa situación, sufrirá os efectos adversos da EDAR, implica a nulidade de pleno dereito da declaración de impacto ambiental orixinaria.

Esta falta de información tamén impediu a defensa dos seus intereses e dos seus veciños, nun procedemento de incuestionable relevancia en canto ás consecuencias e a transcendencia no ámbito municipal, xerando así unha non pretendida indefensión. Enténdese que isto fai que a inicial declaración de impacto ambiental deba ser reputada nula de pleno dereito e, consecuentemente, non procede agora outorgar prórroga algunha dos seus efectos. E precisamente por este motivo, e como resulta obvio, non da lugar á prórroga da vixencia da declaración de impacto ambiental.

Variación na superficie para ocupar pola instalación
Aínda que ao Concello de Ames non se lle deu intervención algunha durante toda a tramitación da declaración de impacto ambiental (DIA), si se ten constancia que desde a aprobación de dita declaración de impacto ambiental o 18 de xullo de 2014, realizáronse cambios relevantes nos elementos ambientais tidos en consideración para a citada DIA. Así, por exemplo, é significativa a variación na superficie para ocupar pola instalación. Na declaración de impacto ambiental establécese a ocupación definitiva de chan en 55.601,82 m2; pero no Anteproxecto da EDAR do Souto, cífrase a superficie total de terreos afectados pola EDAR en 103.726,11 m2.

Tamén resulta moi relevante a variación no volume de movementos de terra, que pasa en distintos puntos da DIA de 704.121,40 m3 a 936.293,84 m3. Por este mesmo motivo (discrepancias en canto ao volume de movementos de terra) o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, en sentenza da Sala do contencioso administrativo (sección segunda) do 8 de outubro de 2015, anulou a aprobación do expediente de información pública tramitado pola Confederación Hidrográfica do Miño Sil correspondente a esta mesma EDAR en Silvouta (Santiago de Compostela).

Distancia con relación ás vivendas próximas
Tamén se entende que a localización da EDAR prevista non garda as debidas distancias con relación ás vivendas próximas. Así, por exemplo, o núcleo de Quistiláns, no concello de Ames, sitúase a 277 metros da localización pretendida para a citada planta. Non pode considerarse nin lóxica nin racionalmente que esta distancia sexa suficiente para evitar que os/as veciños/as sufran os efectos desfavorables dos cheiros e ruídos xerados pola EDAR. Ditos efectos non foron valorados na alternativa segunda, que foi a elixida, nin se deu intervención no expediente de avaliación ambiental aos citados veciños/as.

Por outra banda, a actuación pretendida ten por obxecto a implantación dunha infraestrutura cuxa incidencia vai transcender do termo municipal no que se localiza, pola súa magnitude, importancia e especiais características. Isto fai que a súa implantación deba efectuarse a través dun proxecto sectorial de incidencia municipal, tal como establece o art. 22 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de Ordenación Territorial de Galicia. Non consta que se tramitase tal instrumento.

Mesmo para o improbable caso de que se considerase que estamos ante unha actuación con transcendencia territorialmente limitada e que, en consecuencia, non está suxeita en canto á súa planificación e desenvolvemento á previa tramitación e aprobación dun proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, a actuación pretendida non se axustaría ao novo marco normativo en materia de urbanismo conformado pola Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do Chan de Galicia e o seu regulamento de desenvolvemento (Decreto 143/2016, do 22 de setembro).

Negativa do Concello de Ames á solicitude de prórroga
Todos estes argumentos son os que motivan a negativa do Concello de Ames á solicitude de prórroga do estudio de impacto ambiental que pretende o Ministerio. O goberno de Ames ten amosado xa desde hai tempo o seu compromiso coa veciñanza e a protección ambiental do entorno do Souto, do mesmo xeito que se ten pronunciado en sesión plenaria con acordo unánime de toda a corporación, o seu posicionamento contrario á ubicación da EDAR no lugar do Souto, apostando por unha ampliación da actual existente no lugar de Silvouta.

O alcalde de Ames, José Miñones, sinala que “non parece serio que o Ministerio veña agora a pedir unha prórroga do estudio de impacto ambiental habendo menosprezado ao Concello ao longo de todos estes anos e sen trasladar información oficial sobre a situación actual da pretendida actuación. Seguimos esperando para que se nos pase copia do anteproxecto que se estaba a realizar e parécenos un despropósito e unha continua improvisación o que está a acontecer coa EDAR de Santiago. Mentres todo isto sucede, o río Sar segue a contaminarse sen que a administración competente teña feito nada ao respecto”.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames y la Plataforma do Sar alegan contra la prórroga del informe ambiental de O Souto"
El Correo Gallego: "Ames rexeita a solicitude de prórroga da vixencia da declaración de impacto ambiental da EDAR"