Pestanas principais

O Concello de Ames reúnese cos veciños de Trasmonte para avaliar as necesidades desta parroquia

Sábado, 05 de maio de 2012

[05-05-2012] O goberno municipal de Ames continúa co seu programa de reunións con veciños e veciñas das distintas zonas do rural, co obxectivo de coñecer de primeira man as súas necesidades. Tras a visita realizada o pasado mes de febreiro a Lapido e en abril a Lens, o alcalde, Santiago Amor, acompañado da concelleira de Medio Ambiente, Sanidade e Cultura, María Eugenia Martín, e do edil de Acción Parroquial e Rural, Emilio Martínez, mantivo esta semana unha reunión cos representantes da asociación veciñal Monte do Crego, da parroquia de Trasmonte.


En concreto, nesta parroquia amiense os principais problemas que se detectaron durante a visita foi a existencia de desperfectos en camiños públicos, a falta de limpeza das cunetas e a necesidade de mellorar a sinalización dos distintos lugares que compoñen a parroquia. Os veciños de Trasmonte tamén lle expuxeron ao alcalde e aos concelleiros outros temas, como a necesidade de solucionar deficiencias no saneamento, introducir melloras na seguridade viaria ou incrementar a seguridade cidadá.

O alcalde de Ames visitará periodicamente distintas zonas do municipio para avaliar as súas necesidades e coñecelas por medio dos propios veciños. Santiago Amor destaca que o obxectivo que se marca o Concello é “non descoidar as parroquias e atender as demandas dos veciños no actual contexto económico”. O rexedor tamén amosou o compromiso do Concello de “levar a cabo un plan de mellora, mantemento e conservación do rural amiense”.