[24-05-2013] O alcalde de Ames, Santiago Amor, acompañado do concelleiro de Vías e Obras, Alfredo Taboada, e do edil de Promoción Económica, Bernardo Moar, visitaron esta semana o lugar da Agrela, na parroquia de Biduído, para coñecer de primeira man as necesidades dos veciños e veciñas desta zona.
Na Agrela, os membros do goberno municipal mantiveron un encontro con veciños/as de Ames e representantes da asociación de veciños de Teo, que lles trasladaron a necesidade de introducir melloras na estrada que atravesa o lugar, a DP-0205, e que divide os concellos de Ames e Teo. A estrada é de titularidade provincial, polo que o alcalde de Ames e os concelleiros comprometéronse a trasladarlle as súas peticións á Deputación da Coruña, algo que xa se levou a cabo por parte do Concello.
Os veciños/as trasladáronlle ao alcalde e aos concelleiros a situación na que se atopa a estrada, que diminúe o seu ancho no centro da Agrela e dispón de beirarrúas moi estreitas. Ademais, indicaron que está sinalizada unha velocidade de 40km/h que moitos condutores non respectan. Os membros do goberno municipal comprometéronse a facerlle chegar á Deputación as peticións aportadas polos veciños, que solicitan que se leven a cabo as modificacións necesarias na estrada para reducir a velocidade dos vehículos. Para isto, piden a instalación de pasos de peóns con lomba integral sobreelevados.




