[06-04-2018] A comisión de seguimento do convenio asinado polo Concello de Ames coa Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) reuniuse este xoves, 5 de abril, para estudar as reclamacións feitas pola veciñanza. Así mesmo, na xuntanza tamén se abordou a realización de diferentes actividades, como a posta en marcha dunha campaña publicitaria para dar a coñecer o servizo e a programación de talleres informativos. Na comisión estiveron presentes a Concelleira de Promoción Económica do Concello de Ames, Isabel González, o técnico municipal deste departamento, Jorge Couñago, o secretario xeral da UCGAL, Miguel López, e os avogados da asociación, Félix Caramés e Rocío Arnoso. O convenio entre o Concello de Ames e a UCGAL foi asinado no mes de setembro de 2016, co obxectivo de ofrecer información ás veciñas e veciños acerca dos seus dereitos e deberes como consumidores.
Este xoves, 5 de abril, as dependencias da Unión de Consumidores de Galicia no Pazo da Peregrina acolleron a realización da comisión de seguimento do convenio asinado polo Concello de Ames coa UCGAL. Nela estiveron presentes a Concelleira de Promoción Económica, Isabel González, o técnico municipal deste departamento, Jorge Couñago, o secretario xeral da UCGAL, Miguel López, e os avogados da asociación, Félix Caramés e Rocío Arnoso.
A reunión tivo como obxectivo estudar as diferentes reclamacións presentadas polas veciñas e veciños; unhas reclamacións que estiveron vinculadas principalmente ao ámbito financeiro, eléctrico, dos seguros, da auga e da telefonía. Así mesmo, nesta comisión de seguimento tamén se abordaron as diferentes accións que se porán en marcha nos vindeiros meses: unha campaña publicitaria para aumentar o coñecemento da veciñanza sobre este servizo e dous talleres informativos sobre diferentes materias. A realización destes talleres está incluída no acordo asinado polo Concello coa UCGAL.
Un convenio asinado en setembro de 2016
O Concello de Ames asinou o convenio de colaboración coa Unión de Consumidores de Galicia no mes de setembro de 2016, co obxectivo de ofrecer un servizo de información ás veciñas e veciños acerca dos seus dereitos e deberes como consumidores, así como asesoramento de cara ás reclamacións que estes puidesen facer de maneira individual no eido do consumo.
O persoal da UCGAL atende ás persoas do Milladoiro, nas instalacións da rúa Viorneira, número 6, baixo, os luns e os martes; mentres que en Bertamiráns faino nas oficinas situadas no Pazo da Peregrina, os mércores e os xoves. Para acudir ás oficinas non é preciso solicitar cita previa. Pódese contactar cos servizos da UCGAL en Ames a través do número de teléfono 662 130 312.





