Pestanas principais

O Concello de Ames reúnese coa subdelegada do Goberno para analizar posibles solucións para o tráfico de vehículos pesados no Milladoiro

Luns, 10 de setembro de 2018

[10-09-2018] O alcalde de Ames, José Miñones, e maila subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo, mantiveron esta mañá unha xuntanza para analizar unha posible solución ao tráfico de vehículos pesados no núcleo urbano de Milladoiro. Neste encontro tamén participou o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García. Pilar López-Rioboo destaca a necesidade de desbloquear a situación e avanzar nun posible convenio entre Estradas, Xunta e DXT para buscar alternativas. A Subdelegación do Goberno convocará a unha reunión con Demarcación de Estradas de Galicia, Xunta, Dirección Xeral de Tráfico e os concellos de Ames e Teo para finais de mes. Polo núcleo urbano de Milladoiro, que conta con 12.000 residentes, circulan cada día uns 30.000 vehículos.

Na reunión, na que tamén estivo presente o xefe da Demarcación de Estradas de Galicia, Ángel del Río, estudáronse posibles alternativas ao importante problema de tráfico existente no Milladoiro, entre as que figura a posibilidade de crear unha glorieta que permitise regular o desvío da AG-56 coa N-550 na zona das Galanas.

Este encontro realizouse despois da solicitude realizada antes do verán por parte do Concello para unha nova xuntanza en Madrid. O anuncio realizado desde a Xunta de Galicia para adquirindo o compromiso de asumir o custo da ligazón do desvío da N-550 pola AG-56, permite que desde o Ministerio se habilite a construción dunha glorieta que regule ese desvío na zona das Galanas.

O alcalde de Ames, José Miñones, trasladoulle á subdelegada a importancia de retirar o tráfico de vehículos pesados do núcleo urbano do Milladoiro, no que residen unhas 12.000 persoas e que actualmente conta cun tráfico duns 30.000 vehículos diarios, así como o acordo da Corporación e a Plataforma da N550 para conseguir a humanización do Milladoiro.

A reunión supón unha continuación da mantida por unha representación da Corporación municipal de Ames co director xeral de Estradas dependente do Ministerio de Fomento entón xestionado polo Partido Popular. Desde o Concello solicitouse o cumprimento dos compromisos alí acadados e dos que non se volveu a ter novas, incidíndose na necesidade de desbloquear unha situación demandada desde hai anos por Ames.

Neste sentido, coincidiuse na necesidade de avanzar nun posible convenio entre o Ministerio de Fomento, a través da Demarcación de Estradas, coa Xunta de Galicia e a Dirección Xeral de Tráfico para tratar de plasmar a definitiva creación do desvío da AG-56. Trasladouse que o borrador de dito convenio xa está avanzado e solicitouse unha xuntanza de todos os órganos implicados para a súa revisión e sinatura.

Para iso, desde a Subdelegación comprometeuse a levar a cabo unha reunión este mesmo mes de setembro na que estarían presentes a Demarcación de Estradas, a Dirección Xeral de Tráfico e a Xunta de Galicia, ademais dos concellos de Ames e Teo, para desta maneira concretar e avanzar no proxecto do desvío da AG-56 na zona de As Galanas, situada no municipio de Teo.

Estudio da variante do Milladoiro
Finalmente tamén foron tratados outros asuntos falados na reunión de Madrid como son o estudio da variante do Milladoiro ou a actuación da rotonda de entrada ao Milladoiro. Desde o Concello recordouse o compromiso do Ministerio para a realización de dito estudio que permita coñecer a mellor das solucións para o tráfico do Milladoiro. Desde Demarcacións informouse que hai estudios previos e que haberá que realizar un novo estudio e que así será trasladado a Madrid.

Do mesmo xeito no relativo á rotonda de entrada, que conta cun anteproxecto de 4,1 millóns de euros e que fora presentado no Concello no ano 2010, avanzouse que xa está en formato proxecto e se dará copia ao Concello para o seu coñecemento, sendo necesaria a incorporación da partida económica nos orzamentos do Estado por importe de 6,1 millóns tendo en conta o IVE. Para a contemplación deste asunto e o resto, o Concello ten solicitada unha nova xuntanza en Madrid co Director Xeral de Fomento e na que acudirá novamente unha representación da Corporación municipal. Neste senso o Concello volverá a facer unha solicitude por escrito esta mesma semana.

O alcalde de Ames afirmou que "aínda que os pasos que se van dando neste asunto non son todo o rápido que nos gustaría, si que estamos esperanzados de que na xuntanza conseguida para finais de mes, se achegue unha solución inmediata ao desvío do tráfico pesado. O resto das actuacións imos a tratar de presionar ao máximo para que pasen das palabras aos feitos. Ademais, teño que agradecerlle á Subdelegada do Goberno a implicación amosada que non tivemos en anos anteriores para este asunto".


Contido relacionado


Lindeiros: "O tráfico do Milladoiro pendente de máis reunións"
La Voz de Galicia: "Fomento cifra en 6,1 millones el coste de una rotonda que desvíe parte del tráfico de Milladoiro"
El Correo Gallego: "Ames pide mejoras para el tráfico en dos rotondas de acceso a Milladoiro"
Compostela 24 horas: "José Miñones, alcalde de Ames, se reúne con la subdelegada del Gobierno, Pilar López-Rioboo, para hablar sobre la solución de la N-550 a su paso por Milladoiro"