[23-06-2011] O 15 de outubro de 2009 o Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández anunciaba que o Consello da Xunta aprobara a colaboración técnico financeira entre a consellería de Medio Ambiente Territorio e Infraestruturas e os concellos de Ames e Brión para executar as obras de abastecemento no río Tambre cunha inversión que supera os oito millóns de euros. O 11 de xaneiro de 2011 a UTE Abastecemento Ames-Brión, solicitoulle autorización ao Concello para iniciar as obras en estradas de titularidade municipal. A Xunta de Galicia financia o 80% do custo das obras, o concello de Ames aportará o 10 % do presuposto e Brión o outro dez por cento que significa a cantidade de 819.393,34 euros, que tamén se aportarán en tres anualidades.
Este proxecto está paralizado porque no ano 2010 o anterior goberno municipal amiense, rexido polo socialista Carlos Fernández, non puxo os terreos a disposición da Xunta véndose obrigada a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas a iniciar a obra pola fase de canalización. A Xunta requiriu o 16 de xuño de 2010 do concello de Ames a documentación das expropiacións concedendo un prazo de 10 días para que a administración local a presentase. Como esta documentación non foi presentada resolveuse a desistencia do procedemento administrativo e a conseguinte parálise de parte das obras.
A día de hoxe só as canalizacións da obra están en execución, o resto está paralizado. O actual goberno amiense, presidido por Santiago Amor, prevé ter o proxecto na man nun breve prazo de tempo para comezar as negociacións cos propietarios e pedir a urxente ocupación dos terreos.
Datos do proxecto
A actuación comprende, entre outras obras, a construción dunha nova estación de tratamento de auga potable. Trátase dun equipamento moi necesario para reducir os déficits de abastecemento orixinados polo crecemento da poboación nestes dous concellos. Concretamente, a obra consistirá na construción dunha nova condución de auga dende o río Tambre ata unha planta potabilizadora que se situará na Ponte Maceira, nunha zona de certa altura para evitar posibles inundacións e cunha rede de conducións de cinco quilómetros. A nova ETAP terá unha capacidade de 10.000 metros cúbicos e está previsto que abasteza unha poboación de cen mil habitantes, máis do dobre do censo actual dos dous concellos xuntos.
O novo sistema de saneamento aumentará a capacidade de tratamento actual en 175 litros/segundo máis, cun incremento de case o 20%, garantindo o recurso para o futuro. Este incremento poderá chegar ao 40% coa ampliación de tratamento prevista ata os 350 litros/segundo. Este proxecto, que se levará a cabo en dúas fases, xorde a raíz dos problemas de abastecemento que sofren estes dous concellos debido ao incremento da demanda nos últimos anos. Esta actuación dará solución tamén aos inconvenientes que aparezan unha vez que estean rematados os dous futuros polígonos industriais: Ames-Brión e Perros.
O proxecto inclúe tamén a conexión á rede eléctrica e a mellora do camiño de acceso ao edificio. En relación ao depósito de regulación, deseñarase en formigón armado, máis unha cámara de chaves adosada ao depósito.
Pola súa banda, dende a ETAP o bombeo proxectado para o caudal de 350 l/s mandará auga dende o depósito de regulación a outro depósito de cabeceira na zona de Agrón, mediante unha impulsión en tubaria de FD 500 de 5.176 metros de lonxitude.
O depósito de cabeceira de 10.000 metros cúbicos máis unha cámara de chaves adosada ao depósito situaranse preto da aldea de Leboráns e conectaranse por gravidade cos depósitos xa existentes de Castiñeiro do Lobo e Brión. Tamén se contempla no proxecto a reposición dos pavimentos afectados polas obras.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Amor acusa a su antecesor de parar obras de abastecimiento"




