Pestanas principais

O Concello de Ames, representado en Cabo Verde no II Econtro Internacional de Mulleres Electas ‘As Elixidas’

Xoves, 12 de marzo de 2026

O Concello de Ames está presente no II Encontro Internacional de Mulleres Electas ‘As Elixidas’, que se está a celebrar esta semana en Cabo Verde. Deste xeito, a concelleira de Benestar Social, Uxía García viaxou ao país lusófono como parte da expedición do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, formado por unha ducia de municipios socios do proxecto, para intercambiar experiencias con homólogas africanas.

Alcaldesas e concelleiras dunha ducia de concellos galegos arrouparon esta mañá a creación da Rede de Mulheres Autarcas Caboverdianas, integrada polas máis de 200 representantes municipais do arquipélago africano. O acto de constitución encadrábase nos prolegómenos do II Encontro Internacional de Mulleres Electas ‘As Elixidas’, que se celebra hoxe e mañá no arquipélago lusófono, organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e a Asociación Nacional de Municipios de Cabo Verde (ANMCV).

En representación do Concello de Ames viaxou a concelleira de Benestar Social, Uxía García. Xunto a ela, unha expedición formada por representantes dos concellos de Cangas, Muros, Oímbra, Salceda de Caselas, Arteixo, Burela, Malpica de Bergantiños, Nigrán, Santiago de Compostela, San Sadurniño e Ponteareas. Ademais, tamén está presente a embaixadora de España nese país, Ana Paredes, e o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo.

‘Electas no local, unha voz global’ é o lema destas xornadas, que arrancaron coa conferencia inaugural ‘As mulleres no poder’ a cargo da ministra de xustiza de Cabo Verde, Joana Rosa. Aseguir, desenvolveuse o panel ‘Mulleres na política local: barreiras, oportunidades e leccións aprendidas en Cabo Verde, Mozambique e Galicia’, no que intervirá a alcaldesa de Ponteareas. O programa continuará mañá coa mesa ‘Boas prácticas municipais con enfoque de xénero. Experiencias de Cabo Verde, Mozambique e Galicia’, na que participará a rexedora de Burela e presidenta provincial de Lugo, Carmela López, entre outras sesións.

As xornadas, que contribúen ao ODS 5 da Axenda 2030, contan co financiamento da Xunta de Galicia e a Agencia Española de Cooperación Internacional al Desarrollo (AECID), a través da Confederación de Fondos de Cooperación y Solidariedade.

Axenda complementaria
A delegación do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade xa participou onte en diversas actividades que permitiron estreitar lazos cos concellos caboverdianos, tales como unha xuntanza con dirixentes da ANMCV ou a benvida ofrecida pola Câmara Municipal da Ribeira Grande de Santiago en Cidade Velha, declarada Patrimonio da Humanidade. Mañá haberá unha recepción na Embaixada Española, mentres que nos días seguintes parte do equipo do Fondo Galego ficará en Cabo Verde para supervisar os proxectos de cooperación apoiados.

O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 118 concellos e as catro deputacións de Galicia, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur Global e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego vén de cumprir 28 anos tendo apoiado uns 200 proxectos en máis de trinta países e promovendo numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur e a Axenda 2030.

O Concello de Ames, representado en Cabo Verde no II Econtro Internacional de Mulleres Electas ‘As Elixidas’

Multimedia

  • O Concello de Ames, representado en Cabo Verde no II Econtro Internacional de Mulleres Electas ‘As Elixidas’
  • O Concello de Ames, representado en Cabo Verde no II Econtro Internacional de Mulleres Electas ‘As Elixidas’