[16-11-2015] O bo tempo que fixo este sábado pasado permitiu que un gran número de veciños e veciñas se achegasen ata a praza de Manuel Murguía do Milladoiro para gozar da festa do magosto que organizou o Concello de Ames, a través dos departamentos de Cultura, Mocidade e Medio Ambiente. A organización repartiu 120 quilos de castañas e 450 bolos preñados. Ao longo de toda a tarde houbo música tradicional, un DJ, un obradoiro de graffiti con temática de outono e xogos tradicionais. Ademais, realizouse unha charla-coloquio sobre os cogomelos e unha saída ao monte para recoller estes froitos de outono na que participaron un total de 50 persoas.
Un ano máis o Concello de Ames, a través dos departamentos de Cultura, Mocidade e Medio Ambiente, organizou a festa do magosto que este ano se desenvolveu na praza de Manuel Murguía, situada no Milladoiro. A celebración comezou ás 17:00 horas cunha exposición dos cogomelos que se recolleron durante a saída micolóxica que se desenvolveu o sábado pola mañá. Dende as 17:00 horas a música correu a cargo da Requinta da Maia, da asociación Follas Novas, e da asociación Cantigas e Agarimos de Santiago de Compostela. A animación continuou dende as 19:30 horas coa actuación dun DJ.
A veciñanza amesá puido degustar castañas, pan con chourizo, doces caseiros e bebidas. Repartíronse 120 quilos de castañas asadas e 450 racións de pan con chourizo. Na festa do magosto tamén participaron as familias dos alumnos/as de 6º de Educación Primaria do CEP de Ventín, que colocaron un posto dentro da carpa do Concello para vender doces caseiros co fin de recadar fondos para a excursión de fin de curso.
Ao longo de toda a tarde desenvolvéronse diversas actividades dirixidas á mocidade. A asociación Vella Escola encargouse de impartir un obradoiro de graffitis, a través do cal un gran número de rapaces e rapazas puideron practicar esta técnica pictórica sobre paneis instalados para ese fin. Os temas que se debuxaron tiveron que ver co outono. Ademais, a asociación Altega animou tanto a rapazada como aos adultos a participar en diferentes xogos tradicionais. A ra, os zancos, a buxaina, a corda, o turra xoga, as chapas e a petanca foron algúns dos xogos ofertados.
Por outra banda, a asociación SOS Animalia contou cun stand dentro da festa do magosto, para dar a coñecer os seus obxectivos que se centran en protexer, acoller e fomentar a adopción de animais de compañía, así como a tenencia responsable e o correcto coidado dos mesmos.
Charla e saída micolóxica
Previamente á festa do magosto, o venres pola noite o profesor Sergio Rojo Martínez, do grupo de actividades medioambientais Arenaria Coordinación, ofreceu unha charla coloquio sobre os cogomelos. Nesta charla, na que participaron máis de 30 persoas, analizáronse as especies máis facilmente recoñecibles, tanto as comestibles como as que nunca se deben inxerir.
As actividades arredor da micoloxía continuaron o sábado pola mañá cunha saída por un bosque mixto de castiñeiros, pinos e carballos situado no concello de Negreira. Esta actividade tivo un gran éxito de participación xa que se esgotaron as 50 prazas ofertadas. Xa pola tarde, fíxose unha exposición de todos os cogomelos durante a festa do magosto. Deste xeito, realizouse a identificación e clasificación dos cogomelos recollidos. Trala exposición os cogomelos foron devolvidos ao monte para que as esporas caian na terra e volvan a nacer novos cogomelos.