[23-11-2015] O Concello de Ames volve convocar o ''Concurso de Escaparates do Concello de Ames Nadal 2015'', que este ano cumpre o seu décimo aniversario. Os comercios participantes deberán engalanar os seus escaparates con motivos relacionados co Nadal, prestando atención á orixinalidade para conseguir a atracción do público. Para celebrar estes dez anos o Concello establece un novo premio, a maiores dos galardóns concedidos polo xurado e o público. Este ano repartiranse 3.600 euros en nove premios diferentes. O prazo de inscrición rematará o día 4 de decembro. Os escaparates deberán estar expostos entre os días 1 de decembro de 2015 e o 5 de xaneiro de 2016. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases e o impreso de inscrición neste concurso.
Os titulares dos comercios que queiran participar terán que entregar o impreso de solicitude no rexistro da Casa do Concello, en Bertamiráns, ou das Oficinas Municipais de Milladoiro, de luns a venres, en horario de 9:00 a 14:00 horas. O prazo de inscrición rematará o día 4 de decembro.
Os escaparates deberán estar expostos entre os días 1 de decembro de 2015 e o 5 de xaneiro de 2016. Aqueles escaparates que non se atopen montados no momento da visita dalgunha das persoas que forman parte do xurado quedarán excluídos do concurso. O xurado estará composto por un representante de cada unha das asociacións de comerciantes do concello, un asistente designado pola Alcaldía e un secretario, seleccionado entre o persoal da concellería de Promoción Económica.
O fallo do xurado darase a coñecer o día 18 de decembro de 2015. O primeiro, segundo e terceiro establecemento clasificados recibirán, respectivamente, 1000, 700 e 400 euros. A maiores deste galardón económico os establecementos competirán polo premio especial do público, que como novidade este ano premiará un establecemento do Milladoiro e outro en Bertamiráns. Para iso entregaráselle a cada local 150 boletos a repartir entre a súa clientela.
Os boletos, que deberán ser entregados con todos os datos cubertos, depositaranse nas urnas colocadas na Casa do Concello, nas Casas de Cultura de Bertamiráns e Milladoiro e na Biblioteca do Milladoiro. Os dous locais máis votados, un en Bertamiráns e outro no Milladoiro, recibirán un talón por valor de 200 euros cada un. Os clientes e clientas que decidan votar participarán no sorteo de tres talóns valorados en 300 euros.
Premio especial décimo aniversario
A novidade desta edición é o premio especial décimo aniversario, que consistirá no sorteo dun talón de 200 euros entre todos os establecementos participantes, do que serán excluídos aqueles que xa obtiveran algún premio. O Concello quere premiar así aos participantes desta edición dun evento que cumpre xa dez anos dinamizando o comercio amesán.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: 'El Nadal amiense premiará los mejores escaparates'




