[09-04-2012] O Concello de Ames, a través do departamento de Educación Familiar, está repartindo 19.927 quilos de alimentos entre 313 familias amienses sen recursos. Esta iniciativa está promovida polas concellarías de Servizos Sociais e Voluntariado. O reparto dos alimentos realizarase este luns e martes na Casa da Cultura de Bertamiráns e o xoves e venres no almacén municipal do Milladoiro, situado na rúa de Abaixo. Os alimentos, procedentes de excedentes da Unión Europea, foron achegados pola Cruz Vermella. No reparto dos alimentos colaboran os técnicos e traballadores de diferentes departamentos (Servizo de Atención ao Migrante, Oficina de Voluntariado e o departamento de Educación Familiar), a brigada municipal de obras, persoal da biblioteca municipal e varios/as voluntarios/as.

A mediados do mes de marzo o Concello de Ames recibiu un total de 19.927 quilos de alimentos procedentes de excedentes da Unión Europea. A Cruz Vermella achegou arroz, bebidas pasteurizadas, cereais para nenos/as, caldo de carne, crema de verdura, pasta (fideo, espaguetes e macarróns), galletas, fariña, leite de continuación para os nenos/as, leite, cremas, queixo fundido e tomate frito. Estes alimentos repartíranse ao longo desta semana nas casas da cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. O reparto dos alimentos realizarase este luns e martes na Casa da Cultura de Bertamiráns e o xoves e venres no almacén municipal do Milladoiro, situado na rúa de Abaixo. Deste servizo beneficiáranse un total de 313 familias amienses que dispoñen de poucos recursos.
Nos últimos anos este servizo rexistrou un incremento nas familias solicitantes, debido en boa medida á crise. Para solicitar esta axuda cómpre acudir aos servizos sociais do Concello de Ames e, a través dunha traballadora social, realizarase un informe e adxudicarase ou non a axuda. Esta concédea o Concello, pero os víveres proceden da Cruz Vermella. Unha vez que estes alimentos chegan ao almacén do Concello, planifícase o reparto equitativo entre as familias, deixando sempre uns excedentes para casos de urxencia.
Este programa leva en funcionamento máis de 10 anos e reparte comida unhas tres veces ao ano. A última entrega de alimentos realizouse durante o mes de decembro de 2011. Aínda que se reparten a maioría dos alimentos, o departamento de Servizos Sociais sempre deixa varios lotes de alimentos por se é preciso atender algún caso de emerxencia social e para aquelas familias que chegan ao Concello e non dispoñen de recursos.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Veinte toneladas de comida para amienses sin recursos"




