[21-03-2018] O Concello de Ames vén de facer público o reparto das axudas para a promoción de actividades levadas a cabo polos clubs e asociacións deportivas do Concello de Ames, no exercicio 2017. Dentro desta convocatoria de axudas foron subvencionadas as diferentes actividades realizadas, así como a adquisición de material inventariable. No total, repartíronse 75.000 euros entre 22 clubs do concello, o que supuxo un incremento do 50% na contía destinada a esta liña de axudas con respecto ao ano anterior.
Ás axudas para a promoción de actividades deportivas puideron optar todas aquelas asociacións e clubs existentes no Concello de Ames, legalmente constituídas, que figurasen inscritas no rexistro municipal de asociacións cos seus datos actualizados, sen obrigas tributarias pendentes e coas xustificacións de axudas municipais anteriores presentadas. Deste xeito, finalmente optaron a esta liña de subvencións 22 clubs e asociacións, a totalidade das cales obtivo unha axuda de diferente importe económico.
Entre os criterios que se valoraron á hora de determinar a contía outorgada a cada asociación están as participacións en competicións, o número de equipos e categorías e o número de persoas beneficiarias. Así mesmo, tamén se tiveron en conta as solicitudes de subvencións a outros organismos públicos, a organización e colaboración en eventos deportivos organizados ou promovidos polo Concello, a promoción do deporte feminino e o fomento da lingua galega. Os criterios, así como a xeneralidade das bases, foron consensuados no Consello Municipal de Deportes.
O alcalde e concelleiro de Deportes, José Miñones, indica que “22 clubs e asociacións deportivas de Ames terán financiamento directo do Concello para a realización das actividades que prestan e que se sumarán ás que tamén reciben os clubs de fútbol. Isto supón máis de 120.000 euros en subvencións para o fomento e práctica do deporte. Trátase dunha aposta decidida polo deporte e unha cifra récord”.
Asociacións e clubs beneficiarios das axudas
O Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre obtivo a través desta convocatoria de axudas 7.621,04 euros. Unha cifra semellante á outorgada ao Club de Atletismo Millaraio. O Club de Patinaxe Artística Omega recibiu, pola súa banda, unha subvención de 6.186,49 euros, mentres que Club de Patinaxe Sarela percibiu unha achega de 5.693,37€. A asociación Basquet Ames recibiu 5.289,90 euros.
Da mesma maneira, o CV Bruxas obtivo 4.572,62 euros de subvención. Unha cifra algo superior aos 4.303,65 euros recibidos polo Club Deportivo Millarengo Cultura. Tanto o Club de Atletismo Sar como o Club Abuelo Box percibiron unha achega de 3.855,35 euros. O Fútbol Club Meigas recibiu 3.496,71€ e o Club Ciclista Os Esfola Arrrós 3.048,42 euros.
A cantidade concedida á Sociedade de Caza e Pesca Azor foi de 2.689,78 euros e a que se outorgou ao Biduído SR de 2.331,14 euros. O Motoclub Ameixenda recibiu, pola súa parte, 2.241,48€ e a AD Val da Maía 2.151,82 euros. O Club Deportivo Rutas a Pie obtivo 1.972,50 euros.
O CF Agrón tamén participou na convocatoria recibindo finalmente 1.882,85 euros. A Asociación Galega de Ciclistas tamén concorreu, obtendo 1.434,55 euros. Unha achega similar foi concedida ao CB Ames e ao XL Milladoiro: 1.344,89 euros para cada unha. Por último, os Veteranos Ames percibiron unha axuda de 1.1265,57 euros e o Club Ciclista de Ames de 896,59 euros. No total, repartíronse 75.000 euros, o que supón a partida completa destinada a esta liña de axudas, entre 22 clubs e asociacións de Ames.





