Pestanas principais

O Concello de Ames reparte 7.235 euros entre 4 clubs e asociacións que se presentaron á convocatoria de axudas para a promoción de actividades deportivas

Venres, 08 de novembro de 2019

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o gasto de 7.235,29 euros, correspondente ao importe da terceira remesa de axudas para a promoción de actividades levadas a cabo polos clubs e asociacións deportivas do Concello de Ames, no exercicio 2018. Dentro desta convocatoria de axudas foron subvencionadas as diferentes actividades realizadas. Un total de 4 clubs ou entidades deportivas foron beneficiarias desta liña de subvencións.

O Concello de Ames vén de facer público o terceiro reparto das axudas para a promoción de actividades levadas a cabo polos clubs e asociacións deportivas do Concello de Ames, no exercicio 2018. A estas axudas puideron optar todas aquelas asociacións e clubs existentes no Concello de Ames, legalmente constituídas, que figurasen inscritas no rexistro municipal de asociacións cos seus datos actualizados, sen obrigas tributarias pendentes e coas xustificacións de axudas municipais anteriores presentadas. Deste xeito, finalmente optaron a esta liña de subvencións 4 clubs e asociacións, a totalidade das cales obtivo unha axuda de diferente importe económico.

Asociacións e clubs beneficiarios das axudas
Nesta terceira remesa foron 4 clubes ou entidades deportivas as que se beneficiaron desta liña de subvencións, uníndose así ás outras 19 incluídas nas dúas primeiras remesas. Así, o Club Ciclista Ames obtivo a través desta convocatoria de axudas 882,35 euros; Xuventude Milladoiro recibiu 1.852,94 euros; O Club Ciclista Os Esfola Arrós unha contía de 3.000 euros; e a Escola de Fútbol Sala Trasgos obtivo unha axuda de 1.500 euros.

Previamente, foron aprobadas dúas remesas desta convocatoria de axudas para a promoción de actividades levadas a cabo polos clubs e asociacións deportivas do Concello de Ames, no exercicio 2018. Na primeira, repartíronse 55.032,58 euros entre 16 clubs do concello no mes de agosto. No mes de outubro, ademáis, aprobouse a concesión de 12.617,65 euros a repartir entre 3 novos clubs ou asociacións deportivas. Logo da aprobación deste terceira remesa, o montante total desta convocatoria ascende a 74.885,52 euros a repartir entre 23 clubs ou asociacións deportivas amesás.

Entre os criterios que se valoraron á hora de determinar a contía outorgada a cada asociación están a participación en competicións, o número de equipos e categorías e o número de persoas beneficiarias. Así mesmo, tamén se tiveron en conta as solicitudes de subvencións a outros organismos públicos, a organización e colaboración en eventos deportivos organizados ou promovidos polo Concello, a promoción do deporte feminino e o fomento da lingua galega. Os criterios, así como a xeneralidade das bases, foron consensuados no Consello Municipal de Deportes.

 

Novas relacionadas:

Compostela 24 horas: "O Concello de Ames reparte 7.235 euros entre 4 clubs e asociacións"

club ciclista ames

Multimedia

  • escola trasgos