[16-12-2014] O alcalde de Ames, Santiago Amor, e o concelleiro de Vías, Obras e Urbanismo, Alfredo Taboada, acompañados de dúas técnicos municipais, do inspector da Policía Local, e de varios representantes da empresa que levará a cabo os traballos visitaron esta mañá a rúa Anxeriz, para comprobar os traballos que haberá que executar no pavimento que está danado no tramo da rúa Anxeriz que vai dende a intersección coa rúa Raxoeira ata a rúa Curuxa. Os técnicos municipais están estudando a posibilidade de realizar estes traballos por tramos para non ter que pechar toda a rúa Anxeriz ao mesmo tempo. Dende o Concello poranse en contacto coa comunidades de propietarios deste lugar para informarlles das obras que se van a realizar.
Descrición das obras
As obras de reparación do pavimento do carril rodado da rúa Anxeriz do Milladoiro consistirá na substitución do actual empedrado de pezas de formigón por unha lousa de formigón semipulido. Manterase o estado orixinal do pavimento de bloque no tramo que vai dende a rúa de Abaixo ata o cruce coa rúa Raxoeira, xa que se atopa en bo estado e mantense o pavimento do cruce coa rúa Pardiñeiros, que xa foi reparado o pasado ano.
En primeiro lugar haberá que levantar os bloques de formigón existentes. Destas pezas gardaranse aquelas que non estean deterioradas. Ademais haberá que demoler e retirar os elementos transversais executados en formigón e o morteiro colocado sobre a lousa base deixándoa limpa e uniforme. Unha vez estea o carril rodado limpo aplicarase unha formación de pavimento de formigón armado. Ademais haberá que pintar os pasos de peóns que correspondan.
Os técnicos municipais están estudando a posibilidade de realizar estes traballos por tramos para non ter que pechar toda a rúa Anxeriz ao mesmo tempo. O alcalde de Ames, Santiago Amor, destacou “a importancia destes traballos, cuxo obxectivo é solucionar un problema herdado nesta rúa”.
O rexedor municipal explica que “dende o Concello porémonos en contacto coas comunidades de propietarios da rúa Anxeriz para comunicarlles as datas nas que se van a executar estas obras e tamén para explicarlles o procedemento que se vai a seguir nesta actuación. Intentarase ocasionar as mínimas molestias posibles e para iso colocaranse sinais nesta zona antes e durante as obras para garantir a seguridade e saúde de toda a veciñanza”.
Reunión coa asociación de veciños de Lens
Por outra banda, este martes o alcalde de Ames recibiu na Casa do Concello a varios representantes da Asociación de Veciños de Lens. Entre outros asuntos, comentaron as obras que se van realizar nesta parroquia amesá nos próximos meses como os traballos de asfaltado no interior de Lens, que se financian con cargo ao Plan Provincial de Obras e Servizos (POS) 2014.
A reparación do pavimento danado da rúa Anxeriz xa comezou en agosto de 2013 coas obras realizadas na intersección das rúas Anxeriz e Pardiñeiros. Nesa actuación retiráronse os adoquíns existentes e aplicouse formigón co obxectivo de coñecer o rendemento que podía experimentar este material. Unha vez testada a efectividade desta actuación, procederase a estendela ao resto dos tramos danados desta rúa.
Previamente, no mes de marzo de 2013, realizouse unha toma de mostras no pavimento da rúa Anxeriz para determinar o seu deterioro. Cómpre lembrar que a remodelación da rúa Anxeriz rematou no ano 2010 e nestas obras investíronse un total de 1.056.829,38 euros do Fondo Estatal de Inversión Local do Goberno central. Pouco tempo despois, comezaron a producirse os levantamentos do pavimento.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Ames reparará la calle Anxeriz desde el cruce con Raxoeira hasta Curuxa"
El Correo Gallego: "Ames reparará un nuevo tramo dañado de la calle Anxeriz"




