[29-09-2016] Durante o mes de setembro o Concello de Ames está aproveitando o bo tempo para executar varias obras que xa estaban adxudicadas en Xunta de Goberno Local. Deste xeito, mellorouse o camiño que une os lugares de A Garea e Calo, situados na parroquia de Agrón. Este proxecto, que está incluído no plan marco de mellora de camiños municipais de acceso a explotacións agrarias 2016, foi adxudicado á empresa Eulogio Viñal obras y construcciones SL por un importe de 53.000 euros. A través destes traballos mellorouse o estado do firme desta vía coa conseguinte mellora da seguridade viaria nesta parroquia amesá.
O alcalde de Ames, José Miñones, e o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, estiveron revisando o estado no que quedou o camiño que une os lugares de A Garea e Calo despois de que rematasen as obras. As autoridades municipais realizaron esta visita acompañados por varios técnicos municipais, da empresa adxudicataria da obra e do Estudio Técnico Gallego. Tanto o alcalde como o concelleiro de Obras tamén aproveitaron esta visita para falar cos veciños e veciñas do lugar.
A través do plan marco de mellora de camiños municipais de acceso a explotacións agrarias 2016, o goberno municipal tamén vai a realizar unha obra de mellora do acceso ao lugar de Monte, que está situado na parroquia de Covas. Estes traballos comezarán nas vindeiras semanas.
Por outra banda, durante o mes de outubro está previsto que comecen as obras de reparación do camiño interior da aldea do Reino. Así, actuarase nunha zona que está dividida en oito treitos de 120x3,00; 90x3,00; 85x4,00; 10x3,00; 20x5,50; 30x3,00; 35x3,50; e 30x4,00 metros, así como en 75 metros cadrados de sobreanchos. A través destes traballos vaise mellorar o firme de dito camiño. Primeiro desfarase o pavimento existente e acondicionarase o terreo para ,deseguido, aplicar dez centímetros de formigón (o que inclúe a colocación dunha malla e de xuntas de dilatación). Ademais, nos treitos de 35x3,50 e 30x4,00 metros aplicaranse dez centímetros de zahorra antes de botar o formigón.
Por último, cómpre destacar que nas vindeiras semanas se adxudicará o proxecto de reparación do camiño interior do lugar de Castelo, pertencente á parroquia de Ames, que conta cun orzamento de 43.737,41 euros. As obras realizaranse en cinco treitos. Primeiro haberá que reparar as fochancas e perfilar as mordentes con grava e tratamento asfáltico semiprofundo. Nos tres primeiros tramos preténdese repoñer o firme da calzada con quince centímetros de formigón e nos dous últimos repararase o firme cun tratamento asfáltico superficial e cun rego de selado en toda a plataforma. Está obra tamén se pretende executala antes da chegada do inverno.




