Pestanas principais

O Concello de Ames repara as instalacións do club de piragüismo Ribeiras do Tambre

Venres, 11 de novembro de 2016

[11-11-2016] As instalacións do club Riberas do Tambre, situadas na Area Recreativa de Tapia, están sendo reparadas con cargo aos fondos concedidos dentro do Plan de Obras e Servizos da Deputación Provincial da Coruña de 2015. As obras foron adxudicadas á empresa Ceta contratas S.L. polo importe de 38.322,87 euros. O Concello decidiu acometer estas obras logo de comprobar o deterioro que o paso do tempo causou nas distintas dependencias do Club, algunhas das que xa non se podía empregar por este motivo. O alcalde, Xosé Miñones, e o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, visitaron esta semana as obras.

As instalacións do Club Ribeiras do Tambre están compostas por dúas naves, unha que funciona como almacén para as piragüas e as palas e outra na que se asentan o ximnasio, os aseos, o vestiario e as oficinas. Ámbalas dúas están unidas por unha terraza. A memoria das obras incide en que as deficiencias na construción provocaron, co paso do tempo, a filtración da auga nos falsos teitos, desprendidos en varias partes das instalacións, e o consecuente deterioro do interior dos edificios. A madeira da terraza podreceu co paso do tempo, polo que esta xa non se pode empregar, e o portón e o pavimento exteriores tamén estaban moi deteriorados.

Para o Concelleiro de Obras que, xunto co alcalde de Ames, visitou esta semana as obras que se están levando a cabo nas dependencias do Club, a reparación das instalacións desta entidade deportiva son moi necesarias: “O paso do tempo provocou un deterioro importante nas instalacións do club de Ribeiras do Tambre, de xeito que algunha das súas dependencias xa non se podía utilizar; para o goberno de Ames é unha satisfacción poder contribuír á mellora das instalacións deste club que tantas satisfaccións lle está dando ao concello, acadando tantos éxitos e levando o nome de Ames por todo o mundo”.