Pestanas principais

O Concello de Ames renova o seu “compromiso” coa igualdade durante a celebración das xornadas que reúnen a máis de seiscentas persoas en Bertamiráns

Xoves, 02 de outubro de 2014

[02-10-2014] As IV Xornadas de Igualdade e Prevención da Violencia de Xénero, organizadas polo Concello de Ames, comezaron hoxe na Casa da Cultura de Bertamiráns, onde seguirán mañá venres ata o mediodía. Baixo o título de “Acércate á igualdade”, as sesións reúnen a máis de seiscentas persoas. A apertura institucional celebrouse esta mañá coa intervención do alcalde de Ames, Santiago Amor, a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e a directora xeral do Instituto da Muller (Madrid), Carmen Plaza.


Pedro García Aguado dará unha conferencia mañá venres ás 12 horas
Nas xornadas participan expertos de recoñecido prestixio e variados perfís profesionais. Mañá venres estará dedicada á educación e prevención da violencia de xénero e enfocada a un público adolescente, educativo e familiar. Ofreceranse conferencias sobre igualdade emocional e a convivencia nos centros educativos da man de persoal das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. Finalmente, pechará esta cuarta edición o coñecido presentador de “Hermano Mayor” (programa da canle de televisión Cuatro), Pedro García Aguado. Ofrecerá un relatorio sobre aprender a educar e as relación dos mozos e mozas na familia.

O evento forma parte das políticas que en materia de Muller puxo en marcha o Concello de Ames, para así facer fronte á “lacra social” da violencia de xénero mediante a educación e formación da mocidade, co obxecto de “cortar a cadea que reproduce os estereotipos machistas que redundan na desigualdade e na violencia contra as mulleres”, segundo advirte a concelleira de Benestar Social, Eugenia Martín.

As xornadas posúen unha conta de twitter, @amesacercate, e os seus organizadores animan aos usuarios a empregar o hashtag #acercateaigualdade para deixar mensaxes ou imaxes a prol da igualdade e da erradicación da violencia de xénero.

Tras lembrar que no que levamos de ano “foron asasinadas” seis mulleres en Galicia, cincuenta e unha desde 1999, puxo de relevo o papel relevante dos concellos pola “difusión que fan do valor da igualdade”, ao tempo que sinalou ao Concello de Ames como o primeiro en estar na Rede de Entidades Locais contra a violencia de xénero. “Mentres haxa unha muller que sufra malos tratos non poderemos dicir que temos unha sociedade sá, igualitaria e equitativa. E, cando as mulleres están en igualdade de condicións, os países teñen un mellor nivel de benestar, un mellor futuro e, desde logo, un maior desenvolvemento”, segundo concluíu López Abella.

A directora xeral do Instituto da Muller, Carmen Plaza, que se amosaba feliz polo aumento de fondos que recollen os Presupostos Xerais do Estado, afirmou que o compromiso institucional pola igualdade é algo fundamental e destacou a cooperación entre entidades que se dá en Galicia: “La colaboración del Instituto de la Mujer con la Xunta de Galicia y entidades locales o universidades, como la de Santiago, es muy estrecha y está siendo muy fructífera”.

O rexedor, que ratificou o “compromiso” de Ames coa igualdade de homes e mulleres, destacou que hai un ano se abriu no Milladoiro o Centro de Información á Muller “para encauzar e xestionar mellor un traballo de fondo que xa viña facendo o Concello”, e subliñou que no ano 2014 se abriron preto de douscentos expedientes, “onde os problemas familiares de toda índole e asuntos moi diversos que afectan aos inmigrantes” figuran entre as principais asistencias psicolóxicas e xurídicas que se tratan, segundo precisou.

Pola súa parte, tanto a representante da Xunta de Galicia como a do Goberno de España felicitaron ao Concello de Ames pola “sensibilidade” que amosa neste ámbito. López Abella indicou que Galicia é “pioneira no artellamento de axudas económicas para mulleres vítimas da violencia de xénero, e posibilitar, así, a súa independencia económica do agresor e rachar con esa situación de violencia”. E agregou que, desde 2006, estas axudas beneficiaron a dúas mil setecentas mulleres, o que supuxeron un investimento superior a 22 millóns de euros.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Las Xornadas de Igualdade amienses reunieron a 600 personas en Bertamiráns"
El Correo Gallego: "A loita amiense a prol da igualdade afiánzase nas IV xornadas preventivas"