Pestanas principais

O Concello de Ames renova o convenio de cooperación internacional co municipio caboverdiano de Tarrafal

Mércores, 13 de novembro de 2019

Esta maña o alcalde de Ames, José Miñones, e o presidente da Cámara municipal de Tarrafal, José Pedro Nunes Soares, renovaron o convenio de cooperación internacional para establecer un programa de cooperación internacional entre ambos concellos. Dita sinatura realizouse no Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía, organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, que remata hoxe na Escola Galega de Administración Pública en Santiago de Compostela. Previamente, a concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, e mailo concelleiro de Educación, Cultura, Deportes e Turismo da Cámara municipal de Tarrafal, Daniel David Soares, falaron da experiencia de cooperación destes dous municipios dentro do apartado de “Traballando polo ODS 17: Alianzas entre o municipalismo da comunidade lusófona”.

Representantes do Concello de Ames, xunto con representantes doutros concellos e deputacións pertencentes ao Fondo Galego de Cooperación, participaron este martes 12 e mércores 13 de novembro no Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía, celebrado nas instalacións da Escola Galega de Administración Pública, en Santiago de Compostela. A xornada, que se desenvolveu en dous días consecutivos, tratou de sentar as bases entre o municipalismo dos países lusófonos para unha futura cooperación máis frutífera, baseándose para iso nos Obxectivos do Desenvolvemento Sostible.

Nestas xornadas participaron delegacións de países como Angola, Guinea Bissau, Cabo Verde, Mozambique, Santo Tomé e Príncipe, Brasil e Portugal, así como representantes da Unión de Cidades Capitais de Lingua Portuguesa. O evento tivo moita importancia para o municipalismo galego, xa que situou a Galicia no centro das relacións da cooperación entre as entidades locais dos países de lingua oficial portuguesa, a través do lanzamento da Rede de autoridades locais da lusofonía polos ODS.

Por parte do Concello de Ames participaron a concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, que foi a encargada de pechar a xornada do martes 12 de novembro. Tamén participaron o técnico municipal de mediación intercultural, Leonardo Pena, a técnica municipal de Turismo, Sonia Moure, e maila xornalista de Ames Radio, Nazaret López, que foi a encargada de moderar a mesa de debate sobre “Boas prácticas da gobernanza local a prol dos ODS para compartir e cooperar”.

Alianzas entre o municipalismo da comunidade lusófona
Na xornada de hoxe, 13 de novembro, o Concello de Ames participou na sesión sobre as alianzas entre o municipalismo da comunidade lusófona. Deste xeito, a concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, e mailo concelleiro de Educación, Cultura, Deportes e Turismo da Cámara municipal de Tarrafal, Daniel David Soares, falaron da experiencia de cooperación destes dous municipios dentro do apartado de “Traballando polo ODS 17: Alianzas entre o municipalismo da comunidade lusófona”.

Luísa Feijóo explicou que o Concello de Ames pertence ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade dende o ano 2003 e a través dos/as seus técnicos/as municipais participou en diferentes traballos de cooperación en Guatemala e Cabo Verde. Ademais, incidiu no traballo feito en Cabo Verde pola técnica municipal de Turismo de Ames, Sonia Moure, no ano 2016 a través do programa “Vacacións con traballo”, do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

Experiencia de cooperación con Tarrafal
Tras a súa participación neste programa estableceuse unha relación con este municipio caboverdiano. Así, estableceuse unha colaboración de carácter particular entre o Bertamiráns FC e o GD Varandinha de Tarrafal. A partires de aí continuouse afondando en posibles vías de colaboración, pero desta vez dun xeito institucional e con carácter técnico. Así, en novembro de 2018 asinouse un convenio de cooperación internacional co municipio caboverdiano de Tarrafal, a través do cal o técnico municipal de Deportes, Alberto Viaño, estivo 15 días neste municipio caboverdiano para colaborar na posta en funcionamento dunhas escolas deportivas, cun carácter social e con perspectiva de xénero.

A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, destacou que “nos proxectos de cooperación o máis importante son as relacións persoais que se establecen entre os/as técnicos/as. A través da renovación deste convenio fortalecemos o vínculo coa Cámara municipal de Tarrafal, para desenvolver e mellorar as capacidades deste municipio caboverdiano. Despois da boa experiencia do pasado ano queremos seguir colaborando con Tarrafal”.

O concelleiro de Educación, Cultura, Deportes e Turismo da Cámara municipal de Tarrafal, Daniel David Soares, incidiu “na alianza entre pobos establecida entres os municipios de Tarrafal e Ames. Trátase dunha alianza histórica cun concello de España, que permitiu a formación dos axentes deportivos do noso municipio. Agora, coa renovación do convenio preténdese estender a outras áreas o traballo de cooperación e enviar técnicos/as de Tarrafal ao concello de Ames para fomentar ese intercambio de experiencias entre pobos”.   

Renovación do convenio de cooperación
Tras a boa experiencia do pasado ano co traballo en Tarrafal do técnico amesán de deportes, esta maña o alcalde de Ames, José Miñones, e o presidente da Cámara municipal de Tarrafal, José Pedro Nunes Soares, renovaron o convenio de cooperación internacional para establecer un programa de cooperación internacional entre ambos concellos. O obxectivo é que nos vindeiros meses un/unha técnico/a da Cámara municipal de Tarrafal poida estar no concello de Ames durante unhas semanas e de cara ao vindeiro ano, algún/algunha técnica municipal do Concello de Ames poida ir a Tarrafal.

Trátase dun programa de cooperación internacional, a través do cal se colabora no desenvolvemento de diferentes áreas, fortalecendo as capacidades do municipio caboverdiano, para planificar e xestionar actividades relativas á igualdade de xénero e políticas públicas municipais orientadas a infancia, principalmente.

O alcalde de Ames, José Miñones, destacou que “Ames é un concello que está traballando para mellorar a participación da veciñanza, a través dos consellos sectoriais de educación e deportes creados no mandato anterior, pero tamén está avanzando en materia de cooperación. Deste xeito, comezamos un longo camiño de cooperación coa Cámara municipal de Tarrafal que agardemos que fortaleza as capacidades tanto de Ames coma de Tarrafal”.

O presidente da Cámara municipal de Tarrafal, José Pedro Nunes Soares, cualificou de “feito histórico a alianza co Concello de Ames xa que é o primeiro municipio de España co que se establece un convenio de cooperación. Xa temos asinados convenios con outros municipios caboverdianos, de Portugal e africanos, pero non con municipios españois, por iso este é un paso máis no noso traballo de cooperación internacional”.

 

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Ames seguirá colaborando con Tarrafal por la igualdad"

O Concello de Ames renova o convenio de cooperación internacional co municipio caboverdiano de Tarrafal

Multimedia

  • O Concello de Ames renova o convenio de cooperación internacional co municipio caboverdiano de Tarrafal
  • O Concello de Ames renova o convenio de cooperación internacional co municipio caboverdiano de Tarrafal
  • O Concello de Ames renova o convenio de cooperación internacional co municipio caboverdiano de Tarrafal
  • O Concello de Ames renova o convenio de cooperación internacional co municipio caboverdiano de Tarrafal
  • O Concello de Ames renova o convenio de cooperación internacional co municipio caboverdiano de Tarrafal
  • O Concello de Ames renova o convenio de cooperación internacional co municipio caboverdiano de Tarrafal
  • O Concello de Ames renova o convenio de cooperación internacional co municipio caboverdiano de Tarrafal
  • Participantes no Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía