Pestanas principais

O Concello de Ames rendeulle homenaxe ao reitor da USC, Antonio López, con motivo do Día de Galicia

Xoves, 24 de xullo de 2025

O Concello de Ames celebrou na tarde de hoxe, mércores 23 de xullo, o acto do Día de Galicia. Unha vez máis, o Pazo da Peregrina foi o escenario escollido para un acto de celebración da galeguidade e, ao mesmo tempo, dun acto de recoñecemento ao reitor e académico da USC, Antonio López, veciño do concello dende hai máis de 30 anos, e que recibiu a medalla do Concello de Ames. Ao longo do acto interviron o alcalde e mailas voceiras e voceiros dos diferentes grupos políticos da Corporación municipal. O músico Marcos Valcárcel foi o encargado en amenizar o acto coa interpretación de varias pezas musicais. Por outra banda, o acto estivo presentado pola xornalista e presentadora Susana López Carbia. Podes acceder á galería de fotos do acto na seguinte ligazón

O Pazo da Peregrina acolleu na tarde deste mércores o xa tradicional acto institucional que celebra anualmente o Concello de Ames con motivo do Día de Galicia. Acto asistiron o alcalde de Ames, Blas García; os concelleiros e concelleiras da Corporación municipal; representantes de asociacións municipais; así como relevantes veciños/as e entidades de Ames que recibiron anteriormente a medalla do Concello de Ames como Borja Golán, representantes da Coral Polifónica de Bugallido, María Victoria Otero Espinar, Ramón Lorenzo e Anxo Carracedo. 

Así mesmo, tamén asistiron o delegado do Goberno, Pedro Blanco; o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, a deputada provincial, Mar Garcíal e o ex-alcalde do Concello de Ames, Santiago Amor.

Marcos Valcárcel, músico e violinista galego, foi o encargado de dar comezo ao acto coa interpretación dunha peza musical. A xornalista e presentadora Susana López Carbia, conduciu un acto no que o Concello de Ames conmemorou o Día de Galicia, o día das galegas e dos galegos, e ao mesmo tempo, rendeulle homenaxe ao académico e reitor da USC, Antonio López, veciño de Ames dende o ano 1991.

Entrega da medalla do Concello de Ames
O alcalde de Ames, Blas García comezou a súa intervención poñendo en valor o aumento de poboación en Ames nos últimos anos, “somos un concello vivo, que medra, que acolle. Un dos poucos lugares onde hai máis nacementos que mortes, símbolo claro de dinamismo, de futuro e de convivencia. Aquí hai vida, hai familias novas, hai escolas que se enchen. Aquí hai esperanza real, non discursos baleiros”.

Así mesmo, continuou destacando que “Ames, pola súa traxectoria, converteuse nun referente do bo facer, do compromiso veciñal e da política real. Demostramos que a cooperación institucional, a participación cidadá e o respecto polo común poden dar froitos reais. Este pequeno recuncho da Maía é xa un exemplo para o país enteiro”.

O alcalde salientou a traxectoria de Antonio López, “neste contexto de compromiso cívico e visión de futuro, é unha honra recoñecer tamén a figura dun veciño que representa os mellores valores do servizo público e do pensamento compartido: Antonio López, reitor da Universidade de Santiago de Compostela. A súa traxectoria, marcada polo diálogo, a responsabilidade e a defensa da universidade pública, é un exemplo da Galicia que queremos: a que educa, a que pensa, a que constrúe futuro desde a palabra e o coñecemento”.

Unha vez rematada a súa intervención, o alcalde entregoulle a Antonio López, a medalla do Concello de Ames. Antonio López é veciño de Ames dende o ano 1991 ata actualidade, residindo no Milladoiro ata o ano 2002 e, dende ese ano, en Bertamiráns. Dentro da súa traxectoria profesional, destaca o seu cargo como reitor da Universidade de Santiago de Compostela, que ostenta dende o 2018. Previamente, pasou por outros postos importantes dentro da mesma institución. Ademais, á marxe da súa carreira académica, ostentou outros cargos relevantes como conselleiro maior de Contas polo Parlamento de Galicia ata 2010. Así mesmo, López ten unha longa traxectoria no ámbito académico, realizando numerosas publicacións científicas e estudos relacionados coa súa área de coñecemento. 

Tras recibir a medalla do Concello de Ames, Antonio López, admitiu que recibir este recoñecemento “foi toda unha sorpresa, xa que nunca fun consciente de ter feito algún mérito especial para merecer a medalla. Precisamente por iso síntome moi agradecido pola xenerosidade do concello e o cariño dos veciños que recibín dende o primeiro momento”. Ademais, engadiu que “é unha honra poder compartir esta distinción con outras persoas tan relevantes, algunhas delas tamén vencelladas ao mundo académico coma min, o que significa que a pesar de que a universidade está afincada en Santiago, existe un vínculo moi forte entre a institución e Ames”. 

En canto á súa vinculación con Ames, López subliñou que xa leva “máis de media vida en Ames” e que “esa proximidade e facilidade que ofrece o concello, xunto coa posibilidade de poder gozar dunha vivenda con espazo e preto do rural son elementos que me fixeron sentir sempre moi cómodo vivindo aquí, ademais do estilo de vida, que é moi semellante á vida de pobo coa que me criei”. 

O acto pechouse co himno galego, que foi interpretado por Marcos Valcárcel e cantado polos asistentes.

Intervención das voceiras e voceiro da Corporación
A primeira voceira en intervir foi Luísa Feijoo, de Espazo Común, que comezou citando uns versos de Castelao, subliñando que “Galicia non é só un lugar no mapa. É un xeito de estar no mundo”. Continuou a súa intervención poñendo en valor a celebración desta data “é celebrar a quen a constrúe cada día: as mestras e mestres que ensinan en galego, os músicos que fan da nosa tradición un acto de rebeldía e beleza, as mulleres que levantan fogares, comunidades e loitas, os mozos e mozas que teñen que  marchar pero que levan a nosa terra no corazón”. Finalizou a súa intervención resaltando que “é importante recoñecer a  persoas como Antonio, unha persoa que con humildade e solvencia, lémbranos que a educación e a universidade pública son instrumentos de equidade e a ferramenta máis poderosas para transformar a sociedade”. 

De seguido, foi a quenda de Escarlata Pampín, voceira do Bloque Nacionalista Galego, iniciou a súa intervención lembrando as figuras de Castelao, co seu “Sempre en Galiza”, e Alexandre Bóveda, subliñando que “o seu legado obríganos a defender o noso territorio, a súa riqueza e a súa produtividade berrando “Altri non”, un ano máis.  A defender a vivenda coma un dereito e non coma un negocio, a sanidade e a educación públicas, unha vellez digna, un país igualitario e inclusivo no que a xenofobia e a discriminación non teñan cabida, unha nación libre de violencia machista e, por suposto, a defender a liberdade dos pobos e condenar o xenocidio”. Tamén resaltou o traballo de López a cargo da USC sendo “un home de país que, co seu compromiso, contribuíu no fortalecemento dunha Galicia máis inclusiva, xusta e innovadora.”

A continuación, interviu Oliva Agra, voceira do Partido Popular, que puxo en valor o traballo levado a cabo por Antonio López a cargo da universidade, “en tempos nos que o coñecemento se enfronta a múltiples desafíos, a Universidade de Santiago de Compostela segue sendo un espazo de liberdade intelectual, de diálogo e de compromiso coa verdade. Antonio López,  tivo moito que ver neste resultado. Cando foi escollido reitor tiña claros os seus obxectivos. Buscaba modernizar a universidade pública para que seguira sendo un foro de diálogo e pensamento crítico para o futuro. Agora que remata o seu mandato, podemos dicir sen medo a equivocarnos que Antonio non foi só guía, senón que tamén foi inspiración”. 

O último en intervir foi o voceiro do PSdeG-PSOE, Víctor Fernández, que fixo un especial fincapé na faceta de Antonio López como veciño de Ames, “quen leva máis de trinta anos vivindo en Ames, compartindo o día a día coas persoas que formamos este concello e, sobre todo, levando o nome de Ames alá por onde vai, converténdose nun dos mellores embaixadores que podería ter. Queremos agradecerlle esa confianza en Ames. Sabemos que cando alguén como vostede decide quedar, criar aos seus fillos aquí e seguir formando parte desta comunidade durante tantos anos, é porque hai algo especial neste lugar”. Rematou a súa intervención destacando que “como voceiro do Goberno municipal, quero deixar clara a nosa vontade de seguir apostando por esa convivencia exemplar e por manter vivo ese espírito de acollida que define a Ames”.

Novas relacionadas: 

La Voz de Galicia: "Antonio López, rector de la USC: «A Universidade está en Santiago, pero o vínculo con Ames é moi fort"

El Correo Gallego: "Ames ve na traxectoria do reitor da USC, Antonio López, «un exemplo da Galicia que queremos»"

AMSGO!: "Día de Galicia en Ames: A medalla do concello ao rector, Antonio López, confirma o vínculo forte entre Ames e a Universidade"

O Concello de Ames rendeulle homenaxe ao reitor da USC, Antonio López, con motivo do Día de Galicia

Multimedia

  • O Concello de Ames rendeulle homenaxe ao reitor da USC, Antonio López, con motivo do Día de Galicia
  • O Concello de Ames rendeulle homenaxe ao reitor da USC, Antonio López, con motivo do Día de Galicia
  • O Concello de Ames rendeulle homenaxe ao reitor da USC, Antonio López, con motivo do Día de Galicia
  • O Concello de Ames rendeulle homenaxe ao reitor da USC, Antonio López, con motivo do Día de Galicia
  • O Concello de Ames rendeulle homenaxe ao reitor da USC, Antonio López, con motivo do Día de Galicia
  • O Concello de Ames rendeulle homenaxe ao reitor da USC, Antonio López, con motivo do Día de Galicia
  • O Concello de Ames rendeulle homenaxe ao reitor da USC, Antonio López, con motivo do Día de Galicia
  • O Concello de Ames rendeulle homenaxe ao reitor da USC, Antonio López, con motivo do Día de Galicia
  • O Concello de Ames rendeulle homenaxe ao reitor da USC, Antonio López, con motivo do Día de Galicia