Pestanas principais

O Concello de Ames remitiu á empresa adxudicataria das obras da rúa Anxeriz os informes sobre as análises realizadas no pavimento para poder adoptar solucións aos desperfectos que presenta e aclarar responsabilidades

Mércores, 17 de xullo de 2013

[17-07-2013] O Concello de Ames remitiu á empresa adxudicataria das obras da rúa Anxeriz, no Milladoiro, os informes elaborados a partir da toma de mostras realizada no pavimento da rúa. O Concello trasladoulle os resultados das catas levadas a cabo pola empresa de control de calidade e o informe elaborado polos directores de obra. Ao mesmo tempo, os servizos técnicos do Concello están avaliando as diferentes posibilidades existentes para poder tomar medidas coas que solucionar os desperfectos que presenta a rúa. A finalidade é dar solución ao deterioro do pavimento e ás molestias que ocasiona, así como aclarar responsabilidades.

O obxectivo de todo este proceso posto en marcha polo Concello de Ames é determinar cales foron as causas dos desperfectos que se produciron no pavimento, e adoptar unha solución para o seu arranxo. A remodelación da rúa Anxeriz rematou no ano 2010 e nestas obras investíronse un total de 1.056.829,38 euros do Fondo Estatal de Inversión Local. Pouco tempo despois, comezaron a producirse os levantamentos do pavimento.

En marzo, técnicos municipais, operarios da empresa que levou a cabo as obras na rúa Anxeriz, os directores de obra e traballadores dunha empresa de control de calidade realizaron na rúa a toma de mostras in situ de compoñentes do pavimento. O obxectivo destes traballos, que requiriron o corte ao tráfico da rúa, era analizar a resistencia dos materiais empregados na obra.

O primeiro dos pasos foi determinar os tres puntos da rúa nos que se tomarían as mostras e marcalos. Despois, procedeuse ao levantamento de adoquíns nestas zonas para que o operario da empresa de control de calidade tomase as mostras de formigón e morteiro que posteriormente se analizarían para determinar a súa calidade e resistencia.

As mostras tomáronse en tres puntos da rúa nos que se observaban tres aparencias do pavimento distintas. No primeiro caso, atopábase roto o zuncho de formigón e fundido o pavimento. No segundo caso, estaba fundido o cerco dunha arqueta, mentres que no terceiro atopábase fundido o formigón nunha das zonas de rodadura da rúa. En todos estes puntos, tomáronse mostras dos diferentes compoñentes do pavimento para realizar probas en laboratorio. Ademais, supervisáronse outros puntos da rúa indicados por veciños e veciñas.

Esta operación de toma de mostras foi froito das xestións levadas a cabo polo Concello de Ames coa dirección de obra e a empresa adxudicataria das obras de reurbanización da rúa Anxeriz, de cara a determinar e atallar as causas que motivan as deficiencias que presenta actualmente o pavimento.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames remite a la adjudicataria los informes de desperfectos en Anxeriz"