Pestanas principais

O Concello de Ames remite á Xefatura Territorial de Infraestruturas diversas actuacións para mellorar a seguridade na contorna do CEIP A Maía

Xoves, 09 de xaneiro de 2020

O Concello de Ames ven de remitir un escrito á Xefatura Territorial de Infraestruturas no que solicita desenvolver unha serie de actuacións na contorna do CEIP A Maía para mellorar a seguridade peonil e conseguir o calmado do tráfico na zona. A dirección e o claustro de profesores deste centro educativo trasladaron ao Concello a súa preocupación pola seguridade do alumando e a necesidade de incrementar as medidas de seguridade viaria. Dende a administración local compártese a preocupación e demandan á Xefatura Territorial de Infraestruturas, titular da vía, que adopte as medidas necesarias para incrementar esa seguridade.

O Concello de Ames levou a cabo un investimento importante ao longo de 2019 no referente á ampliación de beirarrúas e sinalización horizontal e vertical, nunha zona que contempla un movemento de preto de 1.200 alumnos e alumnas. A percepción de perigo por parte das familias está a favorecer o aumento dos desprazamentos en vehículos particulares e os atascos ás portas dos centros escolares, incrementando o risco e que menos nenos e nenas acudan camiñando ao colexio. Para a administración local é necesario priorizar os camiños escolares, para o que se deben adoptar as medidas necesarias para o calmado do tráfico e, así, reducir a siniestralidade e fomentar a autonomía do alumnado.

Actuacións a desenvolver

O Concello de Ames considera imprescindible a realización dunha serie de actuacións para acadar o calmado do tráfico. Así, solicítase a redución da velocidade a 30 km/h na contorna do CEIP A Maía; a instalación de sinais luminosas, tanto vertical como horizontal, para informar aos condutores de que están próximos a unha zona frecuentada por menores; a colocación de pasos de peóns elevados instalados previamente á entrada do centro para acadar a desaceleración dos vehículos; rodear o perímetro da dársena de autobuses escolares cun valado con elementos de seguridade para protexer aos menores de saídas sen control; e a implantación dun novo semáforo, na paso de peóns situado na entrada do centro, que permita, mediante o sistema de pulsación, regular a entrada e saída nos horarios de maior intensidade.

Para o alcalde de Ames, José Miñones, a posta en marcha destas medidas “permitiría garantir unha maior seguridade na contorna do CEIP A Maía e do IES de Ames nunha vía pola que, ademais, cada vez circulan máis vehículos ao ser punto de enlace coa autovía. Estamos en consonancia coa preocupación que nos trasladan dende o CEIP A Maía e confiamos en que as demandas sexan tidas en conta e podamos seguir incrementando a seguridade nesta zona. Desde o Concello xa se fixeron actuacións importantes para favorecer esta situación, se ben consideramos que hai que seguir actuando para reducir a siniestralidade e favorecer a autonomía do alumnado”.

 

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "El CEIP A Maía y el Concello demandan limitaciones de velocidad en el entorno de los colegios de Bertamiráns "

Lindeiros: "Ames pide seguridade vial para o CEIP A Maía"

Compostela 24 horas: "Ames quere mellorar a seguridade viaria na contorna do CEIP A Maía"

Obras CEIP A Maía

Multimedia

  • Obras CEIP A Maía