Pestanas principais

O Concello de Ames rematou de executar o plan de acondicionamento dos colectores soterrados

Venres, 29 de xuño de 2012

[29-06-2012] Durante as últimas dúas semanas do mes de xuño o Concello de Ames, a través da Concellaría de Obras, levou a cabo un plan de acondicionamento dos colectores soterrados que existen no termo municipal amiense. Deste xeito, revisáronse as 13 illas de colectores soterrados instaladas no territorio municipal co fin de que solucionar as deficiencias detectadas nunha primeira revisión realizada o pasado 18 de xuño. Despois da súa limpeza e de achicar a auga que había dentro dos fosos deste depósitos de lixos os colectores soterrados xa están funcionado correctamente.

Os colectores soterrados de lixo facilitan a reciclaxe dos residuos, recollen máis cantidade de lixo que os tradicionais, melloran a estética da localidade e inflúen positivamente na boa calidade de vida da cidadanía ao eliminar malos cheiros e facilitar o depósito do lixo. Pero estes colectores precisan un mantemento e revisións periódicas para evitar que se acumule lixo e auga no foso das illas de colectores.

Debido a que nunha primeira inspección realizada nos fosos dos colectores soterrados se detectaron varias deficiencias, o Concello de Ames decidiu acometer un plan de acondicionamento destas instalacións municipais. Nesta primeira inspección detectouse que os fosos acumulan auga e lixo. Para o correcto funcionamento destes colectores houbo que limpar o lixo que había dentro deles e achicar a auga acumulada. A través destes traballos puxéronse a punto todas as illas de colectores.

Os colectores levan un mecanismo que garante a seguridade de quen os manexa, contan cun sistema hidráulico que os levanta e os eleva ata o camión onde se produce o baleirado do lixo e, no caso dos máis grandes, os de vidro e cartón e papel, utilízase un guindastre para levantalos. Se o foso dos colectores está cheo de lixo e auga este sistema non funciona correctamente. Debido a iso, foi necesario limpar o lixo que estaba depositado nos fosos. O lixo cae no foso ao romper as bolsas non depositadas correctamente dentro do colector de plástico. Por outra banda, tamén houbo que achicar a auga que entra neste fosos canso se levantan os colectores para retirar o lixo acumulado.

Os traballos de revisión e acondicionamento comezaron polas illas de colectores situadas no Milladoiro, porque eran as que estaban máis deterioradas, seguindo polas de Bertamiráns e as das urbanizacións. Nesta localidade existen un total de nove illas de colectores soterrados (dúas na rúa da Raxoeira, dúas na rúa dos Pardiñeiros, dúas na rúa da Cruxa, unha na rúa Travesa, unha na rúa da Estivada de Castelao e outra na rúa do Seixo). No resto do concello hai outras cinco illas. En Bertamiráns existen dúas illas deste tipo de colectores (unha na praza da Maía e outra na praza de Chavián). Ademais, existe unha illa de colectores soterrados na urbanización de Aldea Nova e outra na urbanización das Mimosas.