Pestanas principais

O Concello de Ames reitera o seu compromiso co uso responsable da auga coa campaña “Está na túa man. Pecha a billa cando toca”

Martes, 22 de agosto de 2023

O Concello de Ames e Espina & Delfín, a empresa concesionaria do servizo da auga, veñen desenvolvendo dende o mes de xullo a campaña informativa “Está na túa man. Pecha a billa cando toca”. O obxectivo é fomentar o uso responsable da auga e concienciar á veciñanza da importancia de realizar un uso axeitado dos recursos naturais. Deste xeito, búscase anticiparse a unha posible situación de seca causada polas altas temperaturas que se están a rexistrar.

A pesar de que as reservas de abastecemento se atopan en situación de normalidade, os caudais dos ríos nesta época do ano continúan sendo baixos. As altas temperaturas e a falta de precipitacións que se están a rexistrar poderían levar a ter que aplicar medidas restritivas e correctoras de auga.

Co fin de evitar esa situación, o Concello de Ames lanzou, en colaboración con Espina & Delfín, esta campaña de sensibilización, que invita á veciñanza a adoptar unha serie de medidas, pautas e bos comportamentos para reducir o consumo de auga. A mensaxe de sensibilización difundiuse a través de carteis informativos que se colocaron nos edificios municipais, nas instalacións do servizo municipal de auga e nas redes sociais e páxinas web de ambas entidades.

Augaconsellos para a cidadanía
No ano 2022 o Concello xa lanzou unha campaña similar para reducir o consumo de auga na que se achegaron diversos “augaconsellos”, e que volven a recordarse este ano:

1. Ducharse en lugar de darse un baño
2. Empregar a lavadora e o lavalouzas con cargas completas
3. Limitar o enchido das piscinas
4. Non empregar o váter como papeleira
5. Racionar a auga para o rego
6. Optimizar o lavado dos vehículos
7. Revisar posibles fugas de auga
8. Pechar a billa para lavar os dentes
9. Limitar o baldeo e a limpeza das rúas

Dende o propio Concello tamén se adoptan unha serie de medidas para reducir o consumo de auga como son controlar e reducir o rego dos xardíns e das zonas verdes municipais públicas. Ademais, a empresa Urbaser, concesionaria do servizo municipal de limpeza viaria, reduce a cantidade de auga potable que gasta nos baldeos e servizos de limpeza que realiza polas rúas, beirarrúas e nas prazas municipais.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Ames llama al ahorro de agua 'porque se vén un setembro así de seco, pode haber problemas'"

Cartaz da campaña da auga

Multimedia

  • Cartaz da campaña da auga
  • Cartaz da campaña Augaconsellos