[19-03-2013] O Concello de Ames vén de regularizar a situación de dúas depuradoras do municipio: a estación depuradora de augas residuais do polígono industrial do Milladoiro e a de Ameixenda. Nos dous casos, o Concello asinou a acta de recepción co obxectivo de regularizar o estado no que se atopaban as dúas depuradoras.
Deste xeito, o alcalde de Ames, Santiago Amor, asinou a acta de recepción da estación depuradora de augas residuais do polígono industrial do Milladoiro nunha reunión na que tamén estiveron presentes a arquitecta municipal, o director de obra e o presidente da entidade urbanística de conservación do polígono industrial. Con esta actuación, complétase o proceso de recepción da depuradora do parque empresarial despois de que no mes de xaneiro a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia lle comunicase ao Concello a resolución que modifica o acordo de concentración parcelaria de Biduído II-Bugallido II e adxudica ao Concello amiense a titularidade da finca sobre a que se empraza a EDAR. Con este trámite, regularízase a situación do terreo sobre o que se empraza a depuradora.
O Concello de Ames xa solicitara en xuño de 2012 a cesión desta parcela alegando o seu interese público, xa que se trata dun ben que beneficia a un sector moi importante da poboación amiense. Ademais, tratábase dun trámite necesario para regularizar unha situación coa que se atopou o actual Executivo.
Depuradora da Ameixenda
O Concello de Ames tamén vén de recibir da Deputación da Coruña a estación depuradora de augas residuais da aglomeración rural de Santa Mariña de Ameixenda, un experiencia piloto do organismo provincial e da Universidade da Coruña á que se destinou un orzamento de máis de 141.990 euros. As obras foron executadas pola empresa Espina y Delfín.
Esta experiencia piloto ten como obxectivo desenvolver, no medio rural, actuacións de depuración de augas residuais encamiñadas a promover un mellor coñecemento de solucións idóneas para o medio rural galego. Búscanse solucións enmarcadas na xestión integrada das augas dende a óptica do desenvolvemento sostible e evitando impactos negativos sobre o medio.
As obras realizadas para a construción da depuradora foron: un pozo de bombeo, obra de chegada con by-pass e pretratamento do tipo reixa, tratamento secundario (consistente nun reactor tipo canle circular de aireación prolongada con decantador secundario) e espesador de fangos secundarios en exceso.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "Ames asume la gestión de las depuradoras del polígono de Milladoiro y Ameixenda"
El Correo Gallego: "Regularizan as depuradoras de O Milladoiro e A Ameixenda"