Pestanas principais

O Concello de Ames reforza a protección do ben patrimonial do Pazo da Peregrina de Bertamiráns, acometendo obras de mellora no seu peche

Martes, 25 de xuño de 2013

[25-06-2013] O Concello de Ames está levando a cabo nos últimos días as obras de mellora do peche do Pazo da Peregrina, situado en Bertamiráns. Estes traballos, que permiten introducir melloras no peche do Pazo da Peregrina que limita coa Avenida José Luis Azcárraga, teñen como obxectivo protexer esta obra arquitectónica e contan cun orzamento total de 48.383,73 euros, dos que 39.900 euros proceden dunha axuda concedida pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader). A finalidade é reforzar a protección deste ben patrimonial amiense.

Na actualidade, no alzado principal do Pazo existe un peche de pedra de 95 centímetros de alto. Sobre este valado estase levando a cabo a colocación dun peche de ferro forxado. As pezas de ferro forxado, que van unidas ás columnas de pedra do pazo, levan incorporadas pequenas placas nas que está gravado o escudo do Concello de Ames.

Desde a Concellaría de Vías e Obras subliñan que estes traballos permitirán mellorar a protección do Pazo da Peregrina, ao dotalo pola zona da Avenida José Luís Azcárraga dun peche que impide o acceso ao recinto cando este estea pechado ao público. Deste xeito, tamén se contribúe a garantir a súa conservación para o goce dos veciños e veciñas. O obxectivo é protexer esta obra arquitectónica da Idade Moderna incluída no Catálogo de Patrimonio Cultural do PXOM e no Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia.

O edificio, propiedade do Concello, é un conxunto arquitectónico encadrado nun gran espazo axardinado. O inmoble alberga oficinas municipais de atención ao público e nel é común a celebración de actos culturais e o oficio de vodas civís. Tamén os xardíns do Pazo son empregados polos veciños e veciñas como zonas de recreo.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Un nuevo cierre protege el pazo da Peregrina de Ames"
El Correo Gallego: "El amiense Pazo da Peregrina blinda su riqueza patrimonial y eleva muros"