Pestanas principais

O Concello de Ames reforza o mantemento de núcleos rurais, espazos públicos urbanos e zonas naturais grazas a unha brigada subvencionada pola Consellería de Traballo

Martes, 12 de novembro de 2013

[12-11-2013] O Concello de Ames dispón durante os próximos catro meses dun equipo composto por oito persoas que terán como obxectivo o mantemento dos núcleos rurais, a revalorización dos espazos públicos urbanos e a protección dos espazos naturais do municipio. Estes oito traballadores, residentes no concello de Ames, reforzarán á brigada municipal de obras e a súa contratación foi posible grazas á concesión por parte da Consellería de Traballo e Benestar dunha subvención dotada con 24.000 euros.

Estas oito persoas están distribuídas en tres brigadas, que comezaron a traballar esta mesma semana e que están compostas por tres peóns de construción, dous peóns de obras, un peón forestal, un oficial palista (operador de maquinaria) e un oficial albanel. Estas tres brigadas coas que conta o Concello de Ames forman parte dos programas de cooperación coas entidades locais postos en marcha pola Xunta de Galicia, que permiten a contratación de persoas desempregadas. O obxectivo deste programa é que ditas entidades contraten traballadores desempregados para a realización de obras o servizos de interese xeral e social. A través destes plans, a Consellería sufraga os custos salariais das persoas empregadas e son os concellos os que propoñen e realizan os contratos, segundo as súas necesidades.

Limpeza de cunetas e desbroces
Os traballos que realizarán estes oito traballadores están relacionados coa utilidade colectiva, xa que se trata de obras de mantemento e revalorización de zonas públicas. Deste xeito, acometerán a limpeza e apertura de cunetas para evitar posibles atrancos na circulación de auga. Tamén levarán a cabo tarefas de desbroce e eliminación de maleza dos espazos públicos situados nos núcleos rurais de Ames.

Entre os traballos que desenvolverán está a reparación de beirarrúas en distintos puntos do municipio. Estas obras inclúen a reparación de plaquetas, retirada de pavimento en mal estado, preparación de soleira base e colocación de novas plaquetas. Tamén se acometerá a reparación de bordos de formigón.

A primeira das actuacións acometida por estes traballadores estase desenvolvendo estes días no lugar de Lamas, na parroquia de Ames. Nesta zona, estase realizando a apertura de cunetas, mediante o emprego dunha pala.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames refuerza las brigadas de obras y medio ambiente"
El Correo Gallego: "Ames reforza o mantemento de núcleos rurais, espazos públicos urbanos e zonas naturais"