Pestanas principais

O Concello de Ames reforza a campaña informativa sobre o servizo de lacería e canceira coa difusión de 2.000 dípticos no municipio

Xoves, 24 de outubro de 2013

[24-10-2013] O Concello de Ames vén de poñer en marcha unha campaña informativa co obxectivo de reforzar a difusión e coñecemento do funcionamento do servizo de lacería e canceira co que conta o municipio. Deste xeito, o departamento de Medio Ambiente comezou a distribuír un total de 2.000 dípticos informativos nos que, baixo o título ¿que facer se atopo un can abandonado na rúa? se especifican todos os pasos a dar no momento no que se atopa un can abandonado. Esta acción informativa únese á sección permanente que o Concello ten na súa web, www.concellodeames.org, e na que se informa sobre as características do servizo e se inclúen fotos dos cans aínda non reclamados polos seus donos.

Nos folletos informativos explicase que o Concello de Ames é o encargado da recollida dos animais abandonados dentro do seu termo municipal, algo para o que conta cun servizo de lacería e canceira que realiza Servigal. Ademais, inclúense as diferentes formas de dar aviso da presenza dun can abandonado. Así, en días laborais, de luns a venres en horario de 7:45 a 15:00 horas, os veciños/as que atopen un can abandonado na rúa poden poñerse en contacto coa Concellería de Medio Ambiente no teléfono 662377544. En caso de tratarse de fins de semana, festivos ou momentos fóra do horario laboral, o aviso pode darse na Policía Local no número 619767575. No caso de que os animais recollidos posúan microchip contactase co propietario para que pase a recollelo.

A campaña informativa tamén inclúe recomendacións e consellos sobre as obrigas das persoas propietarias de cans. Deste xeito, recorda que a colocación do microchip é unha obriga legal e, ao mesmo tempo, permite facilitar a recuperación de cans perdidos. Ademais, lembra que é responsabilidade do propietario contar cunha cartilla sanitaria-pasaporte e tela debidamente actualizada. No caso de tratarse dun animal perigoso, os propietarios/as deberán obter unha licenza municipal para a súa tenza, e inscribilo no rexistro municipal de animais potencialmente perigosos.

Por último, lémbrase que é necesario manter á mascota nunhas condicións hixiénico-sanitarias axeitadas e que o propietario debe adoptar as medidas necesarias para que non supoñan unha molestia ou perigo para as demais persoas que convivan no seu entorno.

Estes folletos informativos sobre o servizo de lacería e canceira estarán distribuídos polas Casas da Cultura de Milladoiro e Bertamiráns, na Casa do Concello e restantes dependencias municipais, nas bibliotecas e nos pavillóns polideportivos, entre outros.

Balance do servizo
No pleno do pasado mes de xaneiro, aprobouse por unanimidade a saída do Concello de Ames da Fundación Pública Refuxio de Animais de Santiago de Compostela. Seguidamente, púxose en marcha o servizo de lacería e canceira, que vén funcionando en Ames desde o mes de febreiro. Este cambio de modelo no servizo de canceira permítelle ao Concello de Ames un aforro de máis de 36.000 euros. Ademais, inclúe o servizo de lacería que ata o momento se realizaba a través de traballadores do Concello e que non se podía facer polas tardes ou o fin de semana, co conseguinte problema para a seguridade. Deste xeito, favoreceuse a eficacia na recollida e traslado dos animais nun tempo máximo de media hora. 

Desde a posta en marcha do servizo, no pasado mes de febreiro, recolléronse nas rúas de Ames un total de 37 cans. Ademais, a empresa elabora unha ficha que entrega ao Concello por cada animal recollido na que se inclúe a fotografía e toda a historia do animal desde que é recollido ata que sae da canceira.